O voceiro de Galicia en Común tamén presentou outras catro iniciativas onde pide información sobre o nivel de execución das infraestruturas ferroviarias no territorio galego
Madrid, 15 de outubro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, vén de preguntar na Cámara Baixa polas conexións ferroviarias entre Galicia e Euskadi, tras unha denuncia da CGT na que aseguran que RENFE ten pensado reconfigurar o servizo ferroviario entre ambos territorios, aproveitando o tren Galicia-Cataluña.
Nese sentido, na iniciativa presentada polo grupo parlamentario, Gómez Reino pregúntalle a RENFE se vai realizar unha modificación das conexións entre ambos territorios, reducindo por tanto os servizos que unen Galicia e Euskadi. Tamén se inclúe unha pregunta relativa a cales van ser a partir de agora os servizos e as frecuencias que estarán operativas.
Galicia en Común leva presentadas numerosas iniciativas durante esta lexislatura relacionadas coa necesidade de potenciar o transporte por ferrocarril, tanto no que ten que ver coa vertebración do territorio galego como coa conectividade de Galicia con outras comunidades autónomas. “Se se eliminan frecuencias e se utiliza o servizo con destino Barcelona no tocante do que une Vigo con Bilbao”, indicou Gómez Reino, “os galegos e as galegas que queiran ir dende a cidade olívica á capital vasca deberán realizar dous ou tres transbordos, o que supón unha incomodidade importante que vai repercutir nun menor uso do transporte público e máis do vehículo privado”.
Nivel de execución das infraestruturas galegas
Ademais Antón Gómez Reino presentou outras catro iniciativas onde pide información sobre o nivel de execución das infraestruturas ferroviarias nas catro provincias galegas. No caso de Lugo preguntou, por exemplo, polo nivel de execución da renovación, electrificación e as variantes da liña Monforte-Lugo, dependentes do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).
A variante de Betanzos entre Coruña e Ferrol, os pasos inferiores Oza dos Ríos, Ramón Puga e rúa Tarascón; a renovación da liña entre Ferrol e a cidade herculina, a renovación da antiga FEVE entre Vegadeo e Ferrol e o nivel de execución do Eixo Atlántico son algunhas das cuestións na provincia da Coruña polas que amosou o seu interese e preocupación o voceiro de Galicia en Común.
No caso da provincia de Ourense, Antón Gómez Reino demandou información ao ADIF sobre a situación da renovación da liña Monforte-León-A Coruña, a variante de Ourense e a Liña de alta Velocidade que une Olmedo-Lubián e a cidade das Burgas. Así mesmo tamén se preguntou no Congreso polo estado da liña Ourense-Vigo por Cercedo.
Finalmente na provincia de Pontevedra son tamén varias as infraestruturas ferroviarias dependentes tanto do Ministerio de Transportes, como do ADIF. É o caso do eixo atlántico Vigo-fronteira portuguesa, a infraestrutura e electrificación da vía Vigo-Tui ou a renovación da liña Lubián-Ourense-SantiagoL/Zamora-A Coruña.