- A formación confederal lembra que «estamos a falar dun problema de saúde pública onde se están contaminando a marchas forzadas as augas que consume a nosa poboación»
- «Galicia ten 41 puntos eutróficos ou hipertróficos sen designar como zonas vulnerables e uns datos de contaminación de augas por nitratos moi significativos”
Madrid, 24 de marzo de 2021.- Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria para coñecer os motivos polos que a Xunta de Galicia leva dende o ano 2000 incumprindo de maneira reiterada as súas obrigas ao non designar, como lle pide a Unión Europea, zonas vulnerables aos nitratos de orixe agrario.
“Estes incumprimentos”, lembra o deputado da formación Antón Gómez Reino, “levaron á Comisión Europea a abrir unha investigación no ano 2015 na que se concluiu que Galicia non viña cumprindo con estas demandas”. A Comisión Europea asegura que a nosa comunidade ten 41 puntos eutróficos ou hipertróficos sen designar como zonas vulnerables mentres que o informe elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre contaminación da auga por nitratos entre os anos 2016 e 2019 revela que os datos de contaminación de masas de auga en Galicia son moi significativos.
Nese documento indícase que son Galicia e Catalunya as comunidades con máis contaminación das augas derivadas dos residuos gandeiros. «Estamos a falar dun problema de saúde pública onde se están contaminando a marchas forzadas as augas que consume a nosa poboación, con aldeas e vilas que non poden beber auga da billa. A administración Feijóo levou aos nosos gandeiros a un modelo de gandeiría intensiva e macrogranxas contaminantes, que son un perigo non só para a saúde dos nosos veciños e veciñas senón tamén para o futuro das nosas economías locais».
É por iso que a iniciativa parlamentaria quere coñecer se o Ministerio ten previsto levar a cabo algunha acción para promover o cumprimento das obrigas que a Xunta ten en relación a designación de zonas vulnerables e o desenvolvemento de plans de actuación conforme á normativa europea. “Mentres Catalunya foi actualizando e adecuando os seus programas dende o ano 2000, a Xunta de Feijóo segue sen declarar ningunha zona vulnerable a pesar de rexistrar os maiores excedentes netos de nitróxeno por hectárea derivados da actividade gandeira do conxunto do Estado”.
“A consecuencia de non ter declarado ningunha zona vulnerable a pesar de que os datos cos que contan o Estado e Europa apuntan cara a outra dirección resúmese en que nin se redactaron nin se aplicaron os Plans de Actuación aos que obriga a normativa europea para a protección das augas contra a contaminación”, indicou Gómez Reino.