Gómez Reino pregunta no Congreso polo protocolo de detección da Covid19 nas granxas de visóns americanos

  • O deputado pola provincia da Coruña lembra que «está demostrado que as condicións nas que están obrigados a vivir estes animais provocan que sexan focos de infección para o persoal traballador e a cidadanía»

Madrid, 18 de decembro de 2020.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, vén de rexistrar unha pregunta na Cámara Baixa relacionada coa aplicación de protocolos para detectar o virus da Covid19 en granxas de visóns americanos, tras observar en diversos países de Europa que son «un foco de infección para o personal que alí traballa e tamén para a cidadanía por mor das condicións nas que están obrigados a vivir estes animais».

Na iniciativa, o deputado asegura que «cando falamos de coronavirus, toda prevención é pouca» lembrando que «países como Bulgaria ou Francia puxeron en marcha probas de detección nas granxas que aínda quedan abertas» realizando incluso test á poboación circundante. O portavoz de Galicia en Común sinalou que «segundo nos trasladan dende ADEGA, no caso concreto de Galicia, tan só 4 das 26 granxas fixeron test a comezos de novembro, probas diagnósticas que só se levan a cabo cando hai síntomas, pero non de maneira preventiva». As dúas localidades que máis preocupan ao grupo parlamentario son as de Abegondo e Carral, con 6 e 4 granxas respectivamente.

Galicia en Común lembra que «tras terse notificado casos por un total de once países europeos, a nosa preocupación é máxima en Galicia, onde existe unha alta transmisión». Nesa liña, Gómez Reino lembrou que «a Xunta de Galicia leva anos protexendo ás empresas peleteiras, permitindo a instalación e ampliación de granxas mesmo incluso tras unha sentenza do Tribunal Supremo. Non só iso», indicou Gómez Reino, «senón que non actúa como se fai noutros territorios europeos facendo cribados en localidades cercanas».