Gómez Reino pregunta pola situación de diversos proxectos de creación e renovación de estradas en Galicia

Madrid, 8 de outubro de 2020.- Galicia en Común vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para coñecer a situación de proxectos relacionados con preto dun cento de estradas das catro provincias galegas.

Na Coruña, o parlamentario demanda información en relación a preto de 30 proxectos, como son a situación do tramo entre Guitiriz e Lavacolla, na A8, o enlace a Meicende na AC-15, así como o tramo que conecta Arzúa e Melide na A-54. Así mesmo, na iniciativa tamén se pide a situación do proxecto do enlace da N-550 co orbital de Santiago de Compostela.

O voceiro, Antón Gómez Reino, manifestou o seu interese polo estado no que se atopan os proxectos de mellora dos enlaces na estrada FE-14, no tramo que une Ferrol con Fene, así como a remodelación da conexión de Caranza e O Bertón. Tamén se inclúen na iniciativa dúas infraestruturas de interese para a cidade da Coruña como a ampliación de Alfonso Molina (AC-11) ou a prolongación do acceso ao Porto exterior da Coruña.

No caso da provincia de Lugo Antón Gómez Reino pregúntalle a Dirección General de Carreteras, por arredor dunha vintena de estradas, entre outras, pola situación de diversos proxectos como os tramos da A-56 entre Taboada, Narón e Guntín así como entre San Martiño e o enlace de Barrela.

O grupo parlamentario tamén quere coñecer a situación administrativa do proxecto de ampliación dos cauces afectados pola A-8 no termo municipal de Mondoñedo, a mellora da seguridade vial na glorieta sita no punto quilométrico 513,67 en Outeiro de Rei ou o proxecto para a adecuación de túneles na provincia de Lugo.

En Ourense, o voceiro e deputado da formación preguntou por preto dunha ducia de proxectos, entre os que se inclúen a situación dos tramos A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras Leste, así como do tramo Requeixo-A Veiga, ambos da A-76. Entre as estradas polas que se pregunta atópanse a A-56 no tramo que une a cidade das Burgas con Lugo ou a rehabilitación do firme do punto quilométrico 210,2 ao 217 no tramo entre Sandiás e Allariz.

Na iniciativa presentada o grupo parlamentario, entre outros, pregunta polos proxectos das sendas peonís en Razamonde, no concello de Cenlle. Así mesmo, tamén se solicita información sobre a rehabilitación do firme na A-52, a autoestrada que vertebra a provincia de Ourense, entre os quilómetros 112,2 e o 138.

Finalmente no caso da provincia de Pontevedra son case trinta os proxectos recollidos na iniciativa parlamentaria, concretamente por cinco tramos da N-541, entre os que se inclúen a mellora do trazado entre os puntos quilométricos 66 a 500 e 90 a 700; o acondicionamento da glorieta e das interseccións en Forcarei, Cercedo e Cotobade; a situación das variantes de Caldas de Reis e Cercedo e o acondicionamento entre Cercedo e Cotobade.

Ademais, entre as cuestións sobre as que se solicita información atópase a reforma do nudo de Bombeiros, na cidade de Pontevedra, un dos enlaces da AP9 no municipio ou a adecuación e mellora da seguridade vial nun dos tramos de maior concentración de accidentes na provincia, como é o que une Vigo e Porriño.