Gómez Reino: “Quen pense ou actúe como se estivéramos en campaña electoral é un irresponsable que está poñendo en perigo a saúde de todas as galegas”

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas advirte de que “a lexítima rivalidade democrática dunha campaña electoral” non pode “ser un obstáculo para a recuperación das garantías de saúde para toda a poboación e para a reconstrución socioeconómica de Galicia”

Compostela, 12 de maio de 2020.- O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou ás institucións e ás forzas políticas galegas que actúen á marxe de formulacións partidistas para lanzar á cidadanía unha mensaxe sen fisuras sobre a necesidade de combater unidas a epidemia de Covid-19 e a crise sanitaria que dela se deriva.

“Non estamos en campaña electoral. Nin sequera en precampaña. Quen pense ou actúe como se estivéramos en campaña electoral é un irresponsable que está poñendo en perigo a saúde de todas as galegas”, dixo.

Gómez Reino advertiu de que ás medidas de flexibilización do confinamento no proceso de desescalada, que entraron onte en vigor en Galicia, non deben facer esquecer á sociedade que o país segue en situación de alerta sanitaria e que enfronta “a maior crise económica que sufriu na súa historia recente”.

“É certo que en Galicia nos atopamos nunha situación inesperada cun procedemento electoral en suspenso e cun Goberno da Xunta caducado. Pero a lexítima rivalidade democrática dunha campaña electoral non pode ser un obstáculo para a recuperación das garantías de saúde para toda a poboación e para a reconstrución socioeconómica de Galicia”.

O portavoz da coalición advertiu de que pese a que os datos sobre a expansión da epidemia que facilita a Xunta aos expertos que a combaten seguen sendo “incompletos e parciais”, esas cifras demostran que a emerxencia aínda non pasou.

“Galicia rexistra a día de hoxe 2.631 casos activos de Covid-19. Levamos 593 falecementos, moitos deles en residencias da terceira idade que seguen sen ser intervidas a pesar de que continúan padecendo unha situación crítica. Estamos vencendo á curva, pero é responsabilidade de todas impedir que un novo rebrote poña en perigo máis vidas”.

Gómez Reino reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que actúe “de maneira leal e responsable” na súa relación co resto de forzas políticas: “Renunciar ao diálogo e substituílo por propaganda partidista é unha irresponsabilidade que arrisca a saída á emerxencia sanitaria e á crise económica”.

Nese sentido, o voceiro de Galicia en Común -Anova Mareas apostou por darlle continuidade “ás ferramentas que temos comprobado que funcionan”.

“Funcionan as medidas de protección individual, de distanciamento e de regulación dos contactos sociais; funciona o Estado de Alarma, a ferramenta xurídica que permitiu a implantación desas medidas. Funciona o esforzo das traballadoras sociosanitarias, unidas no empeño de combater solidariamente á epidemia a pesar da lamentable precariedade que padecen. E, sobre todo, funciona o escudo social que armou un Goberno progresista, do que Galicia en Común forma parte, e que impediu que millóns de familias queden desamparadas fronte á crise”, concluíu.  

Aquí podes escoitar o audio da rolda de prensa deste martes 12 de maio.

E nesta ligazón está a rolda de prensa completa na nosa canle.