Gómez Reino reclama a Feijóo que poña xa a disposición da loita contra o Covid-19 as 2.285 camas hospitalarias privadas que hai en Galicia

Os 22 centros privados da comunidade contan ademais con 563 médicos e con 1.744 profesionais de enfermería que deberían estar xa activados para enfrontar a crise sanitaria

O voceiro de Galicia en Común-Anova-Mareas trasladará de novo a posición da coalición na reunión telemática que o presidente da Xunta manterá mañá cos responsables das forzas políticas galegas

Compostela, 28 de marzo do 2020.-O portavoz de Galicia en Común- Anova-Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou hoxe de novo ao presidente da Xunta, Alberto  Nüñez Feijóo, que poña inmediatamente ao dispor da loita contra o  Covid-19 “todos os recursos sanitarios privados que hai no país”. 

“Os 22 hospitais privados de Galicia contan con 2.285 camas, o 23% do total. A prioridade da Xunta debe ser empregalas xa para enfrontar a epidemia antes de plantexarse a construción de hospitais de campaña”, dixo.

Os datos da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal) poñen de manifesto a relevancia que cobraron os recursos privados no sistema sanitario de Galicia durante os Gobernos de Feijóo Os centros e clínicas privadas contan co 23% do total de camas hospitalarias e realizan xa o 26,5% da atención hospitalaria e sanitaria do país. Sen contar co persoal sanitario que compaxina a actividade privada coa pública, integran a 563 médicos e a 1.744 profesionais de enfermería. Só os hospitais integrados en Ahosgal contan ademais con 73 boxes de Urxencias, 82 quirófanos, 56 salas especiais, 14 equipos de  tomografía  axial  computerizada ( TAC) e 18 para resonancias magnéticas.

 “Todos eses recursos materiais e humanos en mans privadaos terían que estar xa ao dispor da loita contra o  Covid-19. Non ten sentido que antes de usalos a Xunta se prantexe levantar hospitais de campaña para derivar alí a pacientes que estarán obxectivamente en peores condicións que  neses centros”, lembrou o portavoz de Galicia en Común- Anova-Mareas.

«Nos últimos anos descuidouse a sanidade pública, o que significou que en Galicia a cidadanía vexa un incremento de listas de espera e o peche de centros de saúde nos seus barrios.  Algúns poderes económicos entenderon que a sanidade debía ser un negocio, e nós pensamos que debemos saír desta crise co convencemento de que a sanidade pública é un tesouro que debemos gardar», engadíu.

Gómez Reino trasladará de novo a Feijóo a posición da coalición na reunión telemática semanal que o presidente da Xunta manterá mañá cos responsables das formacións políticas galegas.

Podes escoitar o audio completo aquí