Gómez Reino reclama un plan de rescate para o pequeno comercio galego similar ao que se deseñou para salvar á gran banca da crise financieira

Galicia en Común- Anova Mareas presenta un catálogo de medidas urxentes para garantir a continuidade da actividade do sector comercial, “unha  peza chave da economía galega da que dependen miles de familias”

Compostela, 14 de abril de 2020.- O  voceiro de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, propuxo hoxe á Xunta a adopción dunha serie de medidas urxentes destinadas a garantir a continuidade das actividades do sector comercial de Galicia,  fronte ás dificultades que están a padecer empresas, autónomos e  traballadores  por causa do parón económico, e tamén ás que previsiblemente se  enfrontarán na fase de recuperación tras a crise da Covid-19.

“O sector servizos, e máis concretamente as actividades comerciais e turísticas, son  pezas chave na economía galega, cunha importante achega en materia de creación de riqueza e emprego. Delas dependen centenares de miles de familias galegas. Temos que coidalas e axudalas a superar a crise”, dixo.

Entre as medidas propostas figura a creación dun fondo de capital risco para investir en empresa radicadas no país e con capacidade para dinamizar a actividade económica; a posta en marcha de axudas específicas a fondo perdido para pemes e autónomos; a moratoria no pago de alugueiros de locais comerciais de propiedade ou xestión pública; o establecemento de liñas de crédito a interese cero a través do Instituto Galego de Promoción Económica; a atención inmediata ás demandas de emprego das empresas comerciais que prestan servizos esenciais, e o mantemento de todos os contratos públicos da Administración autonómica xa comprometidos

“A situación actual do sector comercial pola emerxencia sanitaria e o parón económico  obriga a desenvolver, de maneira urxente, medidas de  apoio en coordinación co Goberno do Estado e as Administracións Locais. A Xunta debe poñer en marcha un plan de rescate para o pequeno comercio galego similar ao que se deseñou para salvar á gran banca durante a crise financeira”, engadiu Gómez Reino.

Finalmente, o  voceiro de Galicia en Común- Anova Mareas  reclamou  ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “concreción, definición e anticipación” na estratexia de  loita contra a emerxencia sanitaria e socioeconómica provocada pola epidemia de Covid-19, e, sobre todo, “apostar de verdade por acadar amplos consensos” co resto de  forzas política e coa sociedade galega en  xeral para lograr que o país “poida superar esta  crise canto antes”.

Podes escoitar aquí o audio e ver de novo a comparecencia de prensa