Gómez-Reino recolle as reivindicacións da diáspora galega en Arxentina e anuncia un Plan de retorno para a emigración galega

Bos Aires, 10 de marzo de 2020.- Antón Gómez-Reino mantivo na xornada de onte unha apretada axenda de encontros en Bos Aires, tanto con representantes do goberno arxentino como coa emigración galega alí radicada, que lle trasladou as súas reivindicacións. O candidato á presidencia da Xunta de Galicia por Galicia en Común-Anova-Mareas incidiu no «positivo das xuntanzas mantidas, por unha banda coa colectividade galega na Arxentina da man de asociacións e entidades e por outro, con dirixentes e representantes do goberno da República». 

Nesa liña Gómez-Reino asegurou que «estes encontros amosan unha comunidade galega moi viva, que entende necesario o cambio político en Galicia como unha ferramenta fundamental para que avancen os dereitos dos galegos e galegas no exterior» anunciando que a formación que lidera impulsará un Plan de retorno para a emigración galega. Gómez-Reino amosouse tamén moi «satisfeito» de poder comprobar «o traballo que desenvolve a colectividade galega no país» poñendo como exemplo «o colexio Santiago Apóstolo, onde a comunidade se autoorganiza cun modelo educativo que aposta polas nosas tradicións e a nosa cultura e fai que perviva, así como o exemplo da Federación de Sociedades Galegas que manteñen un programa importante por toda Arxentina como actores fundamentais». 

En relación á xuntanza mantida con representantes políticos, o candidato sinalou que «trasladamos a nosa vontade dende Galicia en Común-Anova-Mareas de construír un novo tempo político no que Galicia sexa unha ponte fundamental cos países de América Latina». A xornada de Gómez-Reino rematou xa entrada a noite cun encontro mantido coa militancia de Podemos e Esquerda Unida na Arxentina.

Podes escoitar o audio aquí