A Coruña, 25 de setembro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, mantivo esta mañá unha xuntanza telemática con tres membros da Plataforma polo transporte público do Carballiño, constituída en novembro de 2019 para reclamar máis frecuencias ferroviarias dende a localidade ourensá.
O seu presidente, Ramiro Bello, trasladoulle a Gómez Reino a «sensación de abandono que temos na vila e na provincia de Ourense en relación ao transporte público, sobre todo no que ten que ver co ferrocarril». A Plataforma denuncia que esta situación leva xa moitos meses enriba da mesa, pero que se agravou tras o Estado de Alarma «porque vimos que as escasas frecuencias que había, lonxe de reforzarse, minguaron tras o levantamento das restriccións á mobilidade». Nese sentido denuncian que tan só existe un tren ao día á capital da provincia e que as frecuencias dos domingos a Compostela reducíronse, contando cun único ferrocarril.
O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, fixo súas ditas reivindicacións lembrando que «durante esta semana presentamos unha Proposición non de Lei para que Renfe restitúa todas as frecuencias eliminadas durante o Estado de Alarma, tanto as que afectan á provincia de Ourense como ao conxunto do país».
Para Gómez Reino non é acertado «recurtar frecuencias e servizos nun momento no que, para loitar contra o cambio climático e garantir unha mobilidade de calidade, cómpre reforzar o servizo ferroviario».