Gómez Reino: «Sería un terrible erro que non se recurra a sentenza que obriga ao Estado a indemnizar aos Franco por Meirás»

Unidas Podemos considera que contra «os expoliadores do público» hai que ir ata o final e evitar así que se xere un precedente na reversión doutros inmobles

Madrid, 20 de febreiro de 2021.- Antón Gómez Reino considera un «terrible erro que a Avogacía do Estado non recurra a sentenza que obriga a indemnizar aos Franco por Meirás» e lembra que aínda se dispón de prazo para que se estude o recurso, se cambie de decisión e se decida «ir ata o final contra os expoliadores do público».

Unidas Podemos cre que resulta incomprensible que se poida avalar a tese de que non houbo «mala fe no expolio continuado dun ben patrimonial por parte da familia Franco cando foi o seu ‘modus operandi’ durante décadas». Gómez Reino amósase sorprendido por este último fallo xudicial, que choca coa apreciación da sentenza do Xulgado de Primeira instancia número 1 da Coruña que si considerou que se deu esta mala fe.

«A cidadanía galega xa pagou o Pazo de Meirás no ano 1938. Coa indemnización que establece esta sentenza volveríamos a pagar unha segunda vez por un ben que, como moitos outros, expoliou o dictador durante os anos do Réxime», sinalou o deputado coruñés.

«Hai que chegar ao final deste proceso contra o espolio do público que fixo con total impunidade durante décadas a familia Franco. Cómpre recurrir e evitar que se sente un precendente que altere outros procesos de recuperación doutros inmobles do patrimonio público», conclúe Gómez Reino.