Gómez Reino: “Siemens debe entender que é prioritario salvar os postos de traballo en As Somozas se quere seguir operando con normalidade no Estado”

  • O Comité de empresa da factoría coruñesa trasladou a necesidade de que se convoque a Mesa Industrial, cuestión que xa lle foi trasladada ao Secretario de Estado de Industria nunha carta remitida polo Grupo Parlamentario

Madrid, 11 de febreiro de 2021.- Antón Gómez Reino, vicevoceiro do Grupo Parlamentario de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común na Comisión de Industria, acompañado dos deputados Alberto Rodríguez e Enrique Santiago, reuníronse esta mañá cunha representación dos traballadores de Siemens Gamesa As Somozas e Siemens Gamesa Cuenca, co obxectivo de recoller as súas preocupacións ante a decisión da multinacional de pechar ambas fábricas.

Os Comités de Empresa trasladaron a necesidade de que se convoque a Mesa Industrial ante a extinción do ERE o vindeiro 18 de febreiro, cuestión que xa lle foi trasladada ao Secretario de Estado de Industria nunha carta remitida polo Grupo Parlamentario.

“Siemens debe entender que é prioritario salvar os postos de traballo en As Somozas e en Cuenca se quere seguir operando con normalidade no Estado”, sinalou Antón Gómez Reino referíndose a unha multinacional que “nos tres últimos anos tivo uns beneficios netos e unha carteira total de pedidos que sobrepasaron os 30.000 millóns de euros”.

“Hai que evitar por todos os medios que 215 familias de Ferrolterra acaben na rúa”, sinalou Gómez Reino, quen lembrou que “a posta en marcha desta factoría levou como contrapartida a adxudicación de 760 megavatios en parques eólicos a Gamesa por parte da Xunta de Galicia”.

Nese sentido, o Grupo Parlamentario tamén rexistrou esta mañá unha proposición non de lei para que as administracións públicas poñan en marcha “todas as accións precisas para favorecer o mantemento da actividade industrial en ditas plantas”. Para o deputado galego é “especialmente preocupante a situación na comarca de Ferrolterra, onde multinacionais como Siemens ou Endesa, que se beneficiaron de axudas públicas no seu momento, deciden deixar na estacada a centros de familias”.