Gómez Reino: ‘Traballamos para que se recoñezan como doenzas profesionais as lesións que sofre o persoal de coidados’

O deputado de Unidas Podemos mantivo unha xuntanza co SAF de Chantada que denuncia a precariedade laboral derivada das privatizacións dos coidados

Chantada, 29 de abril.- O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, mantivo esta tarde unha xuntanza co colectivo do SAF en Chantada, un grupo de mulleres traballadoras e ex traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar desta bisbarra, coas que abordou a súa delicada situación sociosanitiaria e laboral nesta pandemia e as súas consecuencias tanto pola precariedade do emprego como pola súa vulnerabilidade xa que non todas foron inmunizadas.

‘Se algunha lección nos deixa esta pandemia”, manifestaba Gómez Reino, “é a necesidade de reformular o sistema de coidados na fortaleza do público”, manifestou o deputado galego, que se comprometía hoxe a elevar ás institucións as demandas desde colectivo e urxir á Xunta de Galicia a incorporar a todo o persoal do SAF axiña ao plan de vacinación como colectivo preferente.

‘Hai que atallar desde xa a mercantilización dos coidados”, sinalou Gómez Reino. Desde Unidas Podemos vimos defendendo que a saúde e os coidados non son nin poden ser un negocio do que sacar rédito económico como ben facendo o Goberno da Xunta de Núñez Feijóo, privatizando servizos que deberan ser públicos, dignos, con garantías. Avanzou que traballaremos no Congreso para lograr que se recoñezan como enfermidades profesionais as doenzas que sofren habitualmente as persoas adicadas aos coidados e que derivan da dureza do propio traballo, no que se botan moito peso as costas no auxilio de maiores e dependentes.

O deputado escoitou hoxe o relato dunhas traballadoras que viron como o seus empregos se deterioraban toda vez que o servizo de axuda no fogar, anteriormente público, foi privatizado a mans de empresas vinculadas a órbita de Florentino Pérez o que derivou, inmediatamente, en precariedade, reducións e despedimentos con severas repercusións na atención aos maiores e dependentes e na calidade dos coidados.

O persoal do SAF de Chantada, un colectivo amplamente feminizado, relatou casos de compañeiras que foron despedidas logo de moitos anos de actividade cando se atopaban en situación de baixa médica con doenzas, moitas veces físicas derivadas da propia dureza do traballo no que cargan moito peso nas costas. Ademais, denuncian que non se actualiza o convenio desde o 2009, un acordo que as novas empresas non respectan e non lles aplican nas retribucións. A negativa, apuntan estas mulleres, adoita derivar no despedimento.

A axuda no fogar,- defende Gómez Reino- ademais de imprescindible nunha sociedade envellecida e dispersa como a nosa, tamén pode ser unha fonte de creación de emprego, emprego digno e con garantías.