Gómez Reino: «Unha empresa con beneficios non pode pechar deixando a centos de traballadores na rúa. Exiximos á Xunta que interveña para salvar os postos de traballo de Noa Madeira»

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas mantivo unha xuntanza co Comité de Empresa da factoría, afectada por un ERE que deixará sen traballo a centos de persoas na comarca de Ferrolterra

A Coruña, 29 de maio de 2020.- Antón Gómez Reino reuniuse co Comité de Empresa da ferrolá Noa Madeira, que lle amosou a súa preocupación polo ERE que a empresa vén de comunicarlles. Os traballadores denuncian que a empresa está desmantelando as instalacións na localidade de Fene alegando causas económicas e de produción «a pesar de que o grupo ao que pertence tivo beneficios de 9 millóns de euros no ano 2019».

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas e candidato á presidencia da Xunta de Galicia amosou o seu apoio a estes traballadores, cos que seguirá en contacto nas vindeiras semanas, ao estar os expedientes de regulación de emprego en periodo de consultas ata o 4 de xuño. «Unha empresa con beneficios non pode pechar deixando a centos de traballadores na rúa. Exiximos á Xunta que interveña para salvar os postos de traballo de Noa Madeira», sinalou Gómez Reino.

Dende o Comité de Empresa denuncian ademais que, sumado ao ERE extintivo,propoñen tamén un ERTE de 15 meses para a outra metade da plantilla, ERTE que non vinculan a motivos de forza maior pola crise da covid19. Isto ten como consecuencia «que os traballadores afectados non gocen da protección que ofrecen os ERTES, como é non consumir a prestación de desemprego e que unha vez incorporados non poidan ser despedidos en, a lo menos, 6 meses», aseguran.