Gómez Reino urxe a establecer un marco normativo que xestione dun xeito integral a coordinación das emerxencias galegas

“A Xunta leva anos parcheando un sistema caduco e desfasado. A única autonomía que mantén parques privados sen abordar a comarcalización que demandan de xeito unánime os bombeiros galegos”

Fronte a incapacidade de Feijóo de dar unha resposta integral, Galicia en Común-Anova Mareas establecerá o mando único na loita contra os lumes entre as primeiras accións do futuro Goberno de progreso 

A Coruña, 31 de maio.- O portavoz e candidato de Galicia en Común Anova Mareas a Xunta, Antón Gómez Reino, urxe ao Goberno popular de Alberto Núñez Feijóo a que estableza un marco normativo que centre nun mando único a coordinación das emerxencias galegas cun 112 de xestión 100% pública para afrontar os novos riscos forestais que desbordan as capacidades humanas e materiais coas que Galicia encara a campaña deste verán, sen previsión nin planificación para minorar o perigo de lumes no monte.

O voceiro da coalición vén de manter unha xuntanza telemática estes días con Manuel Martínez Méndez, na representación dos bombeiros forestais galegos, para abordar a urxencia das problemáticas que vén arrastrando este colectivo desde hai anos e que se agravan particularmente coas altas temperaturas rexistradas neste mes de maio, nas portas do inicio da tempada de alto risco “cunha absoluta falla de control e anticipación de San Caetano”.

“Amosamos a nosa fonda preocupación pola precariedade que nos trasladan os axentes forestais e tamén os bombeiros públicos do país que debuxan un escenario moi vulnerable do monte galego, sustento do noso sector primario”, manifestou Gómez Reino. “A Xunta do PP leva anos parcheando un sistema caduco e desfasado. Galicia é o único territorio do Estado que mantén parques de bombeiros privados sen abordar a necesaria comarcalización que demandan de xeito unánime desde o sector”, dixo o voceiro.

“Vimos de escoitar unha diagnose técnica demoledora que se agrava coa falla de previsión, limpeza, formación e anticipación na loita contra o lume que son ferramentas clave, mais aló da propaganda insultante da Xunta, que se apresurou a anunciar o Pladiga 2020, publicitando que este verán contaremos con 10 drons para vixiar no monte, dez, e obviando que no Consello Forestal non participaron os axentes sociais que publicamente critican e rexeitan, por ineficaces e insuficientes, as políticas de Medio Rural.

Galicia en Común-Anova Mareas mantén contactos regulares coa Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, a través do seu presidente Miguel Uclés. Tanto os axentes forestais como os bombeiros públicos advirten que as política contra o lume da Xunta son caducas e ancoradas nos anos 90 cando o escenario climático ten mudado substancialmente.

“O cóctel climático e o abandono do monte son un combustible letal cunha gran capacidade destrutiva. Un dato que nos preocupa: o sector fala dun lume capaz de avanzar a 14.000 hectáreas por hora fronte a un sistema como o actual, con capacidade para abordar, como máximo, unhas 500 hectáreas por hora”, relata Gómez Reino.

«Fronte a incapacidade manifesta de Feijóo de dar unha resposta integral a coordinación das emerxencias nestes dez anos, Galicia en Común-Anova Mareas establecerá o mando único na loita contra os lumes entre as primeiras accións do futuro Goberno de progreso», remarcou o portavoz.  

A coalición aposta por un marco normativo que permita a coordinación integral das emerxencias galegas con capacidade de resposta e interacción entre corpos e o reforzo dos medios humanos e materiais precisos para afrontar a situación do monte e o riscos actuais, desde a formación continuada, a prevención como chave e incentivando o coidado e a limpeza durante todo o ano con políticas reais e medidas concretas que camiñen nesta dirección e favorezan a incorporación das mulleres cun emprego público de calidade nun sector aínda moi masculinizado.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E aquí está o vídeo coa intervenión na nosa canle de Youtube.