Gómez Reino urxe a Feijóo a que use todos os recursos sanitarios públicos e privados antes de imitar “o modelo Ifema”

“O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas subliña a necesidade de que a Xunta utilice todos os recursos da sanidade pública e tamén da privada antes de enviar doentes a polideportivos e instalacións feirais

Compostela, 31 de marzo de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, urxíu hoxe á Xunta a facer efectiva de inmediato a intervención dos hospitais privados de Galicia anunciada por Alberto Núñez Feijóo, para que todos os seus recursos “permanezan a disposición do sistema público de saúde mentres dure a emerxencia sanitaria” provocada polo Covid-19. «Levamos varios días pedíndollo, hoxe por fin anunciou que o vai facer, pero  falta o máis importante que é tomar o control da situación» afirmou Gómez Reino.

“Feijóo ten que deixar de pensar na propaganda, exercer as súas competencias e usar todos os recursos da sanidade pública. É dicir, pór xa a disposición do ben común as case 2.300 camas e os máis de 2.300 profesionais sanitarios deses 22 centros privados do país . Queremos garantir que eses recursos están a disposición de todas as cidadás de Galicia ata que gañemos a batalla contra o virus”, dixo.

Gómez Reino subliñou que, á marxe dos medios humanos e materiais que se destinen á diagnose e tratamento dos doentes afectados polo Covid-19,  os hospitais privados integran recursos como salas quirúrxicas e de urxencias e equipos de diagnóstico de alta tecnoloxías que tamén teñen que estar a disposición dun sistema público de saúde colapsado e lastrado por lustros de recortes en inversión e plantilla.  

Por outra banda, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas insistíu na necesidade de dar conta da situación porque «antes de lanzarse a calquera aventura de hospitais de campaña ou sucedáneo ten que dar conta do grao de ocupación de todos os hospitais públicos e privados. Non pode haber camas libre nos hospitais e doentes ingresados e durmindo en recintos feirais ou deportivos», dixo Gómez Reino. “Este modelo importado de Madrid está a derivar en grandes riscos para a saúde pública pola falla de garantías para o persoal sanitario e os doentes”. 

“Non é tempo de propaganda, é tempo de dar contas e de explicar, tamén, porque Feijóo se está dedicando a adelgazar a primaria sabendo que esta é a primeira liña de combate contra esta ou calquera outra enfermidade» concluíu.