Gómez Reino: “Vai contra os mínimos democráticos convocar eleccións nun estado de alarma e no medio dunha crise sanitaria como esta”

“Feijóo minte. Mentía cando dixo que as eleccións non estaban na súa axenda. Estremece a irresponsabilidade de quen nos leva a votar cando debéramos artellar solucións de país”

Compostela, 18 de maio.- Galicia en Común-Anova Mareas quere poñer de manifesto o seu malestar logo de que o presidente popular, Alberto Núñez Feijóo, consumase hoxe a estratexia que viña tecendo desde o inicio do confinamento para convocar eleccións no mes de xullo e antepoñer a súa ambición política á saúde pública.

En primeiro lugar, manifestaba Antón Gómez Reino, voceiro da coalición, que estamos “ante unha enorme imprudencia e irresponsabilidade na que Feijóo empurra unha convocatoria electoral no medio da situación sanitaria, epidemiolóxica, económica e social na que está agora o país”.

En segundo lugar, sinalaba o portavoz, “é unha enorme, sorprendente e lacerante falla de respecto” ao conxunto de profesionais que levan meses esforzándose por parar o Covid; ao conxunto da cidadanía galega que leva dous meses de esforzo e sacrificio.

“Feijóo tamén lle falta ao respecto ás familias dos que perderon seres queridos; dos que teñen persoas aínda ingresadas polo Covid e as súas derivadas, e para aquelas familias que se atopan nunha difícil situación, e que o que precisan son medidas da Administración, medidas de apoio e axuda por parte da Xunta para saír adiante e paliar as consecuencias desta crise, e non unhas eleccións”.

En último lugar, reiteraba Gómez Reino, “é evidente que vai contra os mínimos democráticos convocar un proceso electoral nun estado de alarma, de crise sanitaria, económica e social na que estamos”.

“Feijóo minte. Mentía cando dixo que as eleccións non estaban na súa axenda. Estremece a absoluta irresponsabilidade de quen nos tiña que coidar, e que nos leva a votar cando tiñamos que estar a traballar conxuntamente para sacar ao noso país adiante”, concluíu.

Aquí podedes escoitar o audio de valoración de Gómez Reino.

E nesta ligazón tedes ao vídeo na nosa canle.