- Gómez Reino: «Tras a histórica devolución do Pazo de Meirás e tras 40 anos de equidistancia, cómpre dar un novo paso e recuperar a Casa Cornide»
- «Galicia leva máis de 10 anos sen solicitar ningunha nova competencia, o que se relaciona coa bipolaridade dun PP que vota unha cousa en Galicia e outra en Madrid»
Madrid, 11 de marzo de 2021. – As Comisións de Función Pública e Constitucional do Congreso veñen de aprobar as dúas Proposicións non de Lei presentadas polo grupo parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común para recuperar a Casa Cornide e que se convoque a Comisión de Transferencias entre a Xunta e o Estado.
O deputado galego, Antón Gómez Reino, defendeu a recuperación da Casa Cornide da Coruña «que sigue en mans da familia Franco, unha familia que, coincidindo coa sentenza que exixía devolver o Pazo de Meirás ao Estado, decidiu poñer a venda este inmoble en clara mofa a todo o pobo galego». Gómez Reino cualificou esta proposición como un «paso máis en pos da memoria democrática para dignificar o pasado e servir de antídoto contra o totalitarismo no futuro», facendo fincapé no «intenso traballo feito dende a sociedade civil para conseguir a recuperación da Casa Cornide».
No tocante á PNL para a convocatoria da Comisión Bilateral de Transferencias entre a Xunta e o Estado , Antón Gómez Reino lembrou que «Galicia leva máis de 10 anos sen solicitar ningunha nova competencia, o que se relaciona coa bipolaridade dun PP que vota unha cousa en Galicia e outra en Madrid» e engadiu que «o mínimo que se lle pode pedir a un goberno é que exerza o seu autogoberno, e máis en cuestións que recollen un amplísimo consenso en Galicia como a transferencia da AP9, aprobada nesta Cámara». Gómez Reino tamén considera que debe debatirse no marco da Comisión de Transferencias o traspado de Tráfico ou Salvamento Marítimo: «calquera ten na mente o acontecido co Prestige, o Mar Egeo ou o Casón e calquera persoa, tamén de fóra de Galicia, entende que unha competencia coma ese debe xestionarse e decidirse dende Galicia».
Vídeo intervención Cornide: https://youtu.be/x4cbWS04W5M
Vídeo intervención Comisión Mixta: https://youtu.be/oo10I-M3CQo