O Congreso debate hoxe os decretos de suba das pensións e do salario do funcionariado que beneficiarán a case 700.000 galegos e galegas

Madrid, 4 de febreiro de 2020.- Antón Gómez-Reino reiterou esta mañá, antes da xuntanza dos martes da Xunta de Portavoces no Congreso, que a lexislatura que onte comezou “ten que ser a lexislatura da esperanza e da defensa inquebrantable do Estado do Benestar”. Nesa liña lembrou que o Congreso se reúne esta tarde en Pleno para aprobar “varios reales decretos moi positivos” e engadiu que “cun deles trátase de mellorar os salarios do funcionariado, algo imprescindible para coidar a quen nos coida ou a quen educa aos nosos fillos e fillas”.

O voceiro de Galicia en Común fixo tamén referencia a outro Real Decreto que se someterá hoxe a convalidación, como é o que supón incrementar as pensións e que beneficiará a preto de 700.000 pensionistas en Galicia. “Levamos anos mobilizándonos coas mareas de pensionistas, tanto nas rúas como na porta do Congreso de maneira que é moi positivo que se vaia aprobar unha iniciativa que mellorará considerablemente a súa vida”.

Ademais, Gómez-Reino pediu “explicacións” a Pablo Casado en relación á noticia publicada pola Cadena SER onde se desvelaba que o Partido Popular destinou 500.000 euros de fondos públicos para destruir probas en relación á Caixa B do partido. Nese sentido Antón Gómez-Reino cualificou esta práctica como “moi grave, onde o PP utilizou fondos reservados para a Seguridade Nacional para limpar a súa podredume e para levar a cabo prácticas mafiosas”.

Podes descargar as declaracións de Gómez-Reino aquí