O Ministerio confirma que a Xunta non iniciou ningún trámite para a declaración de zonas vulnerables aos nitratos de orixe agraria

  • Gómez Reino: “As augas que bebemos están contaminadas e o Goberno de Feijóo non o considera relevante. Isto é unha cuestión de saúde pública, un perigo para a comunidade, para os ecosistemas e para as economías locais”
  • Gómez Reino: “Dende Unidas Podemos seguiremos presionando para que se dea solución dunha vez por todas a esta problemática”

Mércores, 26 de maio. O ministerio para a Transición Ecolóxica respondeu ás preguntas do deputado Antón Gómez Reino acerca dos reiterados incumprimentos por parte do Goberno de Feijóo na designación de zonas vulnerables aos nitratos de orixe agrario, aludindo á responsabilidade e á competencia exclusiva da Xunta de Galicia no referente ás cuncas intracomunitarias do territorio. 

O Goberno de Feijóo, que declarou formalmente a non designación destas zonas no territorio galego a pesares de existir, non está a aplicar os plans pertinentes de actuación para o tratamento das augas, non habendo así ningunha constancia por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica dalgún trámite para abordar a declaración de zonas vulnerables conforme ao establecido na Directiva 91/676/CEE.

Galicia é un dos territorios do Estado cos datos máis elevados de excedentes netos de nitróxeno procedentes da actividade gandeira relacionada coas macrogranxas contaminantes, un modelo defendido polo Goberno do PP. “En Catalunya dende fai 21 anos comezouse a declarar estas zonas vulnerables para traballar nos seus programas de actuación, pero nada disto se fixo en Galicia”, lembrou Gómez Reino. De feito, a Comisión Europea xa sinalou en 2015 a nula xestión da Xunta por incumprir a normativa dende 2000, tendo Galicia 41 puntos eutróficos ou hipertróficos sen designar como zonas vulnerables. 

“Está demostrado pola OMS que o uso masivo de fertilizantes e a mala xestión de purines dos animais en macrogranxas provocan o exceso de nitratos, o que causa afeccións nas persoas, principalmente no caso das crianzas. Debido a este modelo de explotación gandeira, o problema non fai máis que medrar. A Xunta de Galicia ten que actuar de inmediato”, subliñou este mércores Gómez Reino.