O Goberno négase a arranxar o antigo edificio de Facenda en Ferrol, segundo responde a Galicia en Común

A deputada Yolanda Díaz denunciou que esta resposta do Goberno amosa o desleixo do PSOE con Ferrol.

Audio: https://bit.ly/2k1kmx0

Madrid, 3 de setembro de 2019. O Goberno vén de responder a unha pregunta escrita rexistrada pola voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, na que se preguntaba polas medidas que contempla poñer en marcha o Ministerio de Defensa para evitar o continuo deterioro do antigo edificio de Facenda en Ferrol.

«Sorprende a resposta do Ministerio e a súa negativa a recuperar o edificio, alegando outras prioridades para o mantemento de propiedades», denunciou Díaz, que lembrou que «calquer veciño ou veciña que tivese esa situación, xa estaría sancionado polo mal mantemento da súa propiedade».

Na resposta, o Executivo sinala que o organismo autónomo ‘Instituto de Vivienda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED O.A.)’, tendo en conta os orzamentos dispoñibles en cada exercicio económico, «establece prioridades para o mantemento das propiedades que ten á súa disposición».

A deputada avanza que, ante esta situación, presentaremos novas iniciativas para que o Goberno cumpra coas súas obrigas e, unha vez que arranxen o mal estado deste edificio que se topa no barrio histórico da Magdalena, «obviamente sexa cedido para ser coidado polo Concello e veciñas/os».

Para Galicia en Común, esta resposta amosa o desleixo do PSOE coa nosa cidade, «calquera dos edificios baleiros, léase o caso de Facenda ou Aduanas ou incluso o edificio do Porto, baleiro nestes intres, amosa un aspecto máis que cuestionable, isto debe mudar».