O Goberno traballa pola ampliación da protección legal do lobo en España

Madrid, 7 de outubro de 2020.- Nunha resposta dirixida aos deputados de Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino e Juantxo López de Uralde, o Goberno do Estado recoñece que valora “ampliar a protección legal do lobo en España” e que está traballando nunha proposta para “incluir todas as poboacións españolas da especie no Listado de Especies Silvestres no Réxime de Protección Especial”.

Os deputados do Grupo Confederal Unidas Podemos – En Común Podem – Galicia En Común presentaran unha iniciativa no Congreso tras unha batida de lobos autorizada polo goberno da Xunta de Galicia o pasado 30 de agosto, no municipio lucense de Xove, segundo denunciou o colectivo animalista Libera.

Na súa iniciativa, o deputado verde e presidente da Comisión de Transición Ecolóxica, Juantxo López de Uralde, e o voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, lembrarban que o lobo “goza de protección internacional, cando menos sobre o papel, e as perdas do gando producidas en Xove son reiteradas nun determinado número de explotacións sen que, a simple vista, se tomaran medidas de carácter preventivo ou disuasorio coa fin última de fomentar cacerías contra os cánidos”. Ademais, insistían en que “existen fondos europeos dispoñibles para compensar o 100% dos danos xerados por este carnívoro no conxunto do Estado”.

Nese sentido, dende Unidas Podemos os deputados “felicitáronse” porque “o Goberno recoñeza que existe un traballo para a protección do lobo, unha especie que se someteu a unha persecución totalmente inxusta e indiscriminada”.