O Ministerio de Transición Ecolóxica confirma que os incumprimentos en materia de protección ambiental en Galicia son responsabilidade da Xunta

  • Nunha resposta parlamentaria asegura que é competencia autonómica «a declaración e xestión dos Espazos Naturais Protexidos así como a «elaboración de propostas de Lugares de Importancia Comunitaria»
  • Gómez Reino: «Isto confirma a nula preocupación de Feijóo polo medio ambiente, un presidente experto en deixación de funcións e que leva anos desoíndo as recomendacións europeas para ampliar a Rede Natura 2000»

Madrid, 26 de marzo de 2021.- O pasado mes de febreiro Unidas Podemos trasladaba ao Congreso o incumprimento por parte da Xunta de Galicia en relación á aplicación de figuras de protección ambiental, unha cuestión que vén de confirmar o Ministerio de Transición Ecolóxica na súa resposta parlamentaria.

Nese sentido o Ministerio recoñece que «conforme á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e Biodiversidade, corresponde a Galicia a declaración e xestión dos seus Espazos Naturais Protexidos, a elaboración de propostas de Lugares de Importancia Comunitaria, a declaración de Zonas Especiais de Conservación así como ampliación da Rede Natura 2000», tanto nos espazos terrestes como marítimo-terrestres.

«Isto vén a confirmar o que denunciabamos dende o noso grupo e que demostra unha nula preocupación de Feijóo polo medio ambiente en Galicia», sinalou o portavoz Antón Gómez Reino. «A Xunta vén amosando unha deixación de funcións máis que evidente, desoíndo a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 realizada pola Unión Europea e tamén o propio mandato do Parlamento de Galicia no ano 2017», lembrou Gómez Reino.

Esta negativa constante a ampliar a Rede Natura 2000 ten como consecuencia que se estean tramitando a nivel autonómico numerosos proxectos vinculados á minaría, industria e enerxía eólica que se localizarían en zonas cun especial valor ecolóxico e que acarrearían un enorme impacto ambiental. 

«Esta é a política do PP do señor Feijóo, que se poidan asentar grandes multinacionais como a noruega Statkraft en Pena Trevinca ou o megaproxecto das serras de O Galiñeiro e A Groba, sen pensar no impacto ambiental e económico que tería para o tecido social e veciñal da zona», sinalou Gómez Reino. 

Os datos falan por si sós. Galicia é, pese a súa inmensa riqueza natural, a Comunidade Autónoma con menor superficie protexida do Estado, só un 11,97% do seu territorio fronte a media do 27%. Este baixo nivel de protección coloca tamén a Galicia á cola de Europa como unha das rexións máis desprotexidas. «Agora enténdese por que o señor Feijóo leva dende o ano 2009 máis preocupado por regalar Galicia a grandes corporacións industriais que por protexer o medio natural e facelo sustentable economicamente para os galegos e galegas».