Galicia en Común expresa o seu respaldo ás demandas de docentes e Anpas nas folgas convocadas no Ensino galego ante unha volta ao cole moi complexa que a Xunta vén de descabezar
Compostela, 7 de setembro.- Galicia en Común considera que a mal chamada remodelación do executivo de Núñez Feijóo, que se limita ao cese dos conselleiros de Ensino e Sanidade e a subsumir Educación dentro de Cultura, tradúcese no recoñecemento do fracaso das políticas da Xunta do PP, máis centrados en ocultar problemas que en procurar solucións para facer avanzar o país.
O novo diseño da equipa de Feijóo agocha un truco moi vello do líder popular cun obxectivo ben claro: esquivar conflitos e botar balóns fóra para seguir fieis á liña política de propaganda marcada polo presidente do PPdeG e que tan bos réditos lle da en Madrid.
Dun lado, desfai e subsume a consellería de Ensino a poucos días do inicio do curso escolar máis complexo que teremos que enfrontar e deixa orfos aos docentes sen consellería de referencia e, do outro, releva ao conselleiro de Sanidade obviando a súa responsabilidade nas neglixencias da xestión e privatizacións das residencias de maiores.
Feijóo fai, unha vez máis, outro truco de prestidixitación e releva aos conselleiros máis cuestionados para facer un lavado de cara baleiro cun novo deseño de Goberno que non resposta ao que Galicia demanda tratando de sepultar a súa responsabilidade na nefasta xestión e a parálise da Xunta desde inicio da pandemia.
Desde Galicia en Común consideramos que a supresión da consellería de educación, que queda diluída en Cultura, non é casual, senón que se corresponde cun protocolo baleiro de contidos, concreción e medios que vai na liña de desmantelar o ensino público e privatizar a sanidade marcada por Feijóo para facer negocio cos nosos dereitos.