«O xiro á dereita económica de Sánchez é imparable. Non haberá Goberno de esquerdas se non estamos nós»

Yolanda Díaz pediu unha mobilización histórica este domingo que encha as urnas de dereitos e de vidas dignas que propicie un Goberno de esquerdas con Galicia dentro

Cangas, 5 de novembro.- “É triste pero o xiro a dereita económica de Pedro Sánchez é imparable. Non haberá un Goberno de esquerdas se non estamos nós. Ou estamos nós, ou o pacto coa dereita está consolidado ”. Yolanda Díaz, candidata de Galicia en Común ao Congreso, manifestábase con claridade e contundencia esta tarde en Cangas, nun acto na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal.

“Se cadra Pedro Sánchez, -dixo en alusión ao candidato á Presidencia do Goberno do PSOE -aínda non sabe que o noso sistema é parlamentario, non presidencialista”, ironizou. “En democracia, o que se fai, o que hai que facer é negociar”, advertiu Díaz, antes de facer un chamado a unha mobilización histórica que encha as urnas de votos de esquerdas para garantir vidas dignas e futuro para un Goberno de esquerdas, con Galicia dentro, e con políticas que atendan e entendan aos nosos sectores produtivos e comprendan cales son as necesidades de Pontevedra e das súas xentes.

Un Goberno valente- destacou Díaz- non deixe caer ao sector naval, como sucedeu co centenario estaleiro Vulcano, un goberno que protexa e rescate con diñeiro público a estas empresas ao igual que fan países tan pouco sospeitos de ser comunistas como Francia ou Alemaña.

“Ben sabemos que se aumenta o número de ricos é porque o número dos que están por debaixo, empobrecidos, tamén medrou exponencialmente. Presumir de ricos, como fixo a ministra, é absolutamente vergoñento”, reflexionou Díaz. “A clave da cuestión é a quen subimos ou baixamos os impostos. A nosa proposta é clara: hai que baixarlle os impostos ás clases populares, ás pequenas empresas e aos autónomos, e hai que subirllos a eses que se chaman por exemplo Inditex ou Pescanova”.

«Sinto vergoña por aquelas políticas que se miden polos quilómetros de estrada ou metros de AVE. Por aqueles que se miden neses quilómetros para dicirnos que somos menos galegas, en lugar de poñer o foco na derogación dunha reforma laboral que afoga a miles de galegos e galegas», manifestou. 

Afirmou que a cidadanía ten dereito a saber onde pensa aplicar, este Goberno en funcións, o recorte de 6.000 millóns de euros que remitiu a Bruxelas e se vai a poñer en marcha, tamén como figura nos documentos remitidos as autoridades da Unión Europea, a mochila austríaca para que os traballadores e traballadoras deste país teñan que asumir o custo do seu propio despedimento, o que abre a porta aos despidos libres.

“Se somos fortes, podedes contar con nós, para derogar una reforma laboral, para botar a igrexa da escola pública, para garantir un sistema de pensións e para poñer en práctica un pacto contra a violencia de xénero.

Pola súa banda, Ángela Rodríguez-Pam, número dous na lista pola provincia, lanzaba unha pregunta á veciñanza que participaba esta noite no acto. “Hai dous momentos nos que España se pregunta sobre o futuro do país: as eleccións e os orzamentos xerais do Estado. ¿O acordo orzamentario que tiñamos antes do 28 de abril parecíavos ben? Eliminar o copago, ter máis escolas infantís, derogar a reforma laboral, o pacto de estado contra a violencia de xénero,… Se a resposta é se o único voto posible é para Galicia en Común.

“A gran diferencia entre Yolanda Díaz e Pedro Sánchez é que a nosa candidata non lle debe favores a ninguén”, rematou Ángela Rodríguez.

Do acto tamén participaba Verónica Hermida, candidata pola provincia, que reflexionaba sobre a necesidade de preservar o mar e a cultura marítima das rías galegas.

O acto presentouno o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, que sinalou que o vindeiro 10N a mobilización é máis importante que nunca, a dereita non vai quedar na casa. E nos xogamos moito, nos xogamos o futuro, nos xogamos dous posibles gobernos de dereitas, o tripartido fronte á gran coalición, e o único que pode evitar iso é que Unidas Podemos salga forte destas eleccións, acade un bo resultado e sexa imprescindible para a formación dun goberno de esquerdas e progresista que mire para a xente de abaixo».