O Goberno acometerá a variante norte de Ourense e destinará preto de 5 millóns para a rehabilitación do Museo Arqueolóxico

Gómez Reino: “Quitando o que se viña destinando ás obras do AVE, que rematarán no vindeiro ano 2021, Ourense recibe 32 millóns de euros máis que no orzamento de 2018 para outros investimentos, longamente demandados pola veciñanza da provincia”

Os PGE 2021 incrementan o investimento na provincia un 83%, ao pasar de 39 a 71 millóns

Ourense, 31 de outubro de 2020.– A provincia de Ourense contará no vindeiro ano con 123,52 millóns de euros dos PGE para investimentos na provincia, entre os que destacan a licitación e adxudicación das obras da autovía A-56 no seu tramo Variante Norte de Ourense entre Eirasvedras e Quintela, ouu os preto de 23 millóns de euros que o goberno destinará a mellorar os 8 kilómetros entre a N-120 e a N-536, na localidade do Barco de Valdeorras.

O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, puxo o foco “na inxente consignación de gasto público destes orzamentos, tamén para a provincia de Ourense que viu como nos últimos anos o groso dos investimentos ía adicado tan só ao AVE, no tocante de apostar por outros proxectos que a cidadanía de Ourense levaba tempo reclamando”.

Nese sentido cómpre sinalar os 12,7 millóns de euros que se dedicarán á renovación do corredor noroeste entre Ourense e Monforte, os preto de 5 millóns para a rehabilitación do Museo Arquelóxico da capital das Burgas ou “a aposta pola intermodalidade destinando 3 millóns de euros á estación intermodal de Ourense”.

Tamén se investirán 2 millóns de euros na nova sede central da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e máis de 9 millóns en conservación e mantemento de numerosas estradas ao longo da provincia.