Podemos Galicia apoiará todas as mobilizacións que se están a convocar en contra do deterioro de Atención Primaria por parte da Xunta

  • Gómez Reino: “A situación á que a Xunta está a someter ao persoal de Atención Primaria é intolerable. Sen coberturas vacacionais, dobrando quendas e cunha insoportable carga de traballo que está a pasar factura á súa saúde mental” 

Venres, 6 de agosto. Podemos Galicia vén de denunciar o colapso sanitario nos centros de saúde galegos en plena quinta onda da pandemia debido á falta de persoal médico e de enfermería, e apoiará todas as mobilizacións que se están a convocar nos concellos para denunciar os recortes e esixir ao Goberno de Feijóo o reforzo da sanidade pública galega. 

Estamos a ver ao longo das últimas semanas como os ambulatorios non teñen capacidade para atender á totalidade das demandas das usuarias do Sergas, así como que aumentaron as listas de espera para a atención telefónica, esa que Feijóo cualificou como “a sanidade do futuro”, tendo que esperar ata unha semana para que unha usuaria poida ser atendida telematicamente. 

Este caos materializouse fai pouco nunha denuncia dos médicos de Pontevedra por vía penal, segundo informou o Colexio Oficial de Médicos da provincia, e algúns ambulatorios como o de Sanxenxo ou o do Seixo están saturados e ao límite das súas capacidades, froito do desmantelamento do PPdeG. 

“A situación á que a Xunta está a someter ao persoal de Atención Primaria é intolerable. Sen coberturas vacacionais, dobrando quendas e cunha insoportable sobrecarga de traballo que está a pasar factura á súa saúde mental”, denunciou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. “Non teñen recursos para atender a todos os pacientes, os seus servizos son mínimos e ven como a Xunta de Galicia ignora a súa precariedade laboral e segue recortando a sanidade pública”. 

De feito, o propio conselleiro de Sanidade admitiu hai uns días a gravidade da situación actual da Atención Primaria en Galicia. Pola súa banda, Gómez Reino asegurou que “Podemos Galicia apoiará todas as mobilizacións que están previstas en varios puntos do país denunciando os recortes do Goberno de Feijóo e esixindo unha sanidade pública de calidade. Non permitiremos este quebranto dos dereitos das galegas”. 

“Seguiremos insistindo: a Xunta ten que incrementar o gasto público sanitario galego. Debe escoitar aos colectivos médicos e ás organizacións e dotar de autonomía á Atención Primaria en lugar de facilitar aos hospitais privados e ás empresas que aumenten a súa riqueza a costa de minguar a asistencia pública”, apuntou o secretario xeral.