Podemos Galicia denuncia que a Xunta branquee a caza a través de contratos de ata 25.000 euros a pesar do rexeitamento da poboación

A formación condenou o episodio de maltrato animal na Mariña lucense que se viralizou nas redes sociais os últimos días

Rubén  Sueiras: “Estas situacións repítense ante a inacción e a falta de compromiso da Xunta de Galicia con políticas de protección e benestar animal”

Podemos Galicia condenou este martes o cruel episodio de maltrato animal da Mariña lucense, cando un cazador de Santo Adrao de Lourenzá arrastrou ao seu can atado ao remolque do coche. 

O secretario de Benestar Animal de Podemos Galicia, Rubén Sueiras, criticou que “Estas situacións repítense ante a inacción e a falta de compromiso da Xunta de Galicia con políticas de benestar animal”. En lugar diso, o Goberno de Feijóo “branquea a actividade da caza e a figura do cazador a través de caros convenios fronte ao rexeitamento da sociedade galega”, engadiu Sueiras. 

A Xunta de Galicia continúa colaborando coa Federación de Caza Galega para a “divulgación e fomento da actividade cinexética na Comunidade”, e baixo a escusa de “potenciar e difundir a protección da fauna e do medio natural” destina 16.000 euros para cursos de formación a cazadores e responsables de sociedades de caza, e 9.000 para poñer en valor a caza ou “previr a sinistralidade”.

Hai uns días, asociacións animalistas denunciaron o aumento de cartuchos disparados en senllas ciclistas e cadáveres de animais, como no roteiro BTT en Arteixo. “Os cazadores representan menos do 2% da poboación do noso país e o que fai a Xunta de Galicia é primar á minoría a pesar de que a maioría das persoas non cazadoras quere gozar do monte e do medio rural”, alegou o secretario de benestar animal de Podemos Galicia. 

A formación reclamou á Xunta “unha actuación contundente” para evitar situacións tan dramáticas como a acontecida na Mariña lucense nos últimos días, xa que protectoras de animais de Lugo atenderon varios casos de cans arrastrados polos seus donos, unha maneira de castigo.