Podemos Galicia denuncia que Feijóo dea un novo paso no desmantelamento da sanidade pública e favoreza ao negocio privado

Un novo convenio da Xunta descargará pacientes do Sergas nos establecementos privados de óptica

Antón Gómez Reino: “A Xunta de Galicia debería reforzar os servizos de oftalmoloxía nos hospitais, cuxo persoal está formado para ofrecer unha atención de calidade”

Podemos Galicia criticou o novo convenio promovido polo ServizoGalego de Saúde (Sergas) e os establecementos privados de óptica para levar a cabo determinadas tarefas da rama de óptica e oftalmoloxía, o que supón a externalización dunha asistencia sanitaria, unha estratexia coñecida da Xunta de Galicia. 
 
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, criticou a colaboración público-privada promovida polo Goberno de Feijóo. “Este sistema beneficiará aos negocios privados á conta do desmantelamento da sanidade pública impulsada por Feijóo. A Xunta de Galicia debería reforzar os servizos de oftalmoloxía cuxo persoal está formado para ofrecer unha atención de calidade”, criticou Gómez Reino. 
 
Con este programa, as ópticas non recibirán retribución económica do Sergas, pero si unha formación, que correrá a cargo da Xunta. Con este convenio é o sistema público de saúde o que perde, xa que as ópticas absorberán novos clientes tendo en conta que terán acceso á historia clínica dos pacientes.
 
Podemos Galicia tamén quixo facer fincapé en que a Xunta aínda non publicou o texto completo no DOGA. “Hai pouco soubemos do incremento para este ano das aulas concertadas en Galicia e agora o Sergas sae con isto, son pequenos pasos que a medio prazo se traducen en miles de postos de traballo menos nos servizos públicos”, alegou Antón Gómez Reino.