Podemos Galicia pídelle á Xunta que se prepare para acoller refuxiados tralo dominio militar dos talibáns en Afganistán

Antón Gómez Reino: “Temos que evitar una crise humanitaria e unha crise migratoria sen precedentes. Entendemos que un pobo como o galego, que sempre foi solidario, que viviu a emigración que viviu e o refuxio despois dunha guerra, ten que dar exemplo.”

Martes, 17 de agosto. Podemos Galicia instou este martes á Xunta a dar auxilio á poboación afgá que busque refuxio tras escapar do seu país e da ofensiva dos talibáns, unha grande cantidade de civís que deixan o seu fogar por medo, froito do recordo da brutalidade por parte do grupo fundamentalista islámico. 

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, sostivo que “É o momento de tomar partido para minimizar o nefasto papel que tivo Occidente da man de Estados Unidos neste conflito. É o momento de abrir vías seguras para todas as persoas que necesitan fuxir ante unha realidade tan difícil”. 

Os acontecementos recruáronse nas últimas horas e deixaron imaxes tan duras como as do aeroporto de Kabul, onde os afgáns se aglomeraron para fuxir dos insurxentes nunha dramática xornada que deixou seis falecidos. “É a fotografía dunha absoluta emerxencia humanitaria”, apuntou Gómez Reino, vicepresidente na comisión de Asuntos Exteriores.

Podemos Galicia fixo referencia ás mulleres de Afganistán, que non teñen a posibilidade de escapar como os homes pois a súa liberdade de mobilidade depende deles mesmos e das súas familias. Os avances en protección social acadados nos últimos anos quedarán abolidos coas crúas prohibicións dos talibáns cara ás mulleres, unha violencia misóxina que as fecha nas catro paredes das súas casas obrigadas a satisfacer os desexos dos homes e que enche de desacougo o seu futuro.

“Temos que evitar una crise humanitaria e unha crise migratoria sen precedentes. Entendemos que un pobo como o galego, que sempre foi solidario, que viviu a emigración que viviu e o refuxio despois dunha guerra, ten que dar exemplo. Pedímoslle a Feijóo que dea un paso adiante e diga que Galicia tamén está disposta a acoller un número importante de refuxiados e refuxiadas afgáns no momento que máis o precisan”, explicou Gómez Reino.