- Son máis de 5.300 os profesionais que faltan no Sergas e dos que hai, catro de cada dez son eventuais
- Antón Gómez Reino: “Feijóo faise chamar moderado mentres que os médicos galegos piden baixas por ansiedade por non dar abasto nun sistema que non respecta nin os dereitos do profesional nin do paciente”
Podemos Galicia sinala a Feijóo como o principal responsable na perda do persoal sanitario e no desmantelamento da sanidade pública debido á precariedade á que o Sergas ten sometidos aos centros de saúde galegos polo déficit de profesionais, máis de 5.300 na actualidade.
Como consecuencia, o día a día que se vive nos ambulatorios tradúcese nunha sobrecarga de traballo en Atención Primaria de ata 70 e 80 pacientes por día para os médicos, chegando a 100 en fins de semana cando a literatura científica recomenda 30. “Hai profesionais que tiveron que solicitar a baixa por ansiedade e estrés, outros están valorando se renunciar ao seu posto de traballo. A ese punto levounos o sistema do Sergas”, alegou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Renio.
Nas últimas semanas e debido ao período estival que multiplica a poboación nalgúns municipios turísticos, o desbordamento nos ambulatorios xa provocou xornadas de tensión con pacientes angustiados por recibir unha atención tardía. Como o Sergas non cobre as baixas por vacacións, a sobrecarga de traballo para o persoal aumenta para o que nese momento está dispoñible.
Para suplir esta situación, o Sergas contrata no último momento a persoal eventual, de feito, catro de cada dez profesionais sanitarios en Galicia son temporais. “O Consello de Contas xa denunciou en varias ocasións que a Xunta abusa da temporalidade polas modificacións constantes nos orzamentos, pero a Feijóo dálle igual. Non pensa que os traballadores son persoas que teñen as súas vidas e as súas familias, e que nestas condicións non se pode dar unha atención ás usuarias de calidade”, sinalan desde a formación.
Un paciente en Galicia pode esperar ata tres semanas para ser atendido por vía telefónica. Debido ao desbordamento nos centros de saúde, os médicos non realizan as chamadas no día previsto porque asumen eles sos toda a carga de traballo. Por exemplo, os 60.000 habitantes de Vilagarcía, Vilanova e Catoira teñen só un médico para todo o conxunto da poboación.
“A sanidade en Galicia baséase nun Feijóo que pretende tombar os servizos públicos para descargar pacientes na privada. Cada verán agrávase a situación nos ambulatorios galegos e é resultado das políticas austeras interpostas polo PPdeG desde 2009, que non valora a sanidade pública nin aínda que se lle poña unha pandemia por diante”, criticou Antón Gómez Reino. “Feijóo faise chamar moderado mentres que os médicos galegos piden baixas por ansiedade por non dar abasto nun sistema que non respecta nin os dereitos do profesional nin do paciente.”