Sande: «Trasladaremos ás Cortes as demandas da cidadanía galega»

Audio:https://bit.ly/2XS6RgL

Madrid, 17 de xullo de 2019. O novo senador galego de designación autonómica, José Manuel Sande, tomou posesión este mércores do seu cargo e avanzou as liñas nas que quere traballar nesta lexislatura.

«Representamos a Galicia, a unha unidade, a un espazo de confluencia progresista de esquerdas. Durante esta lexislatura traballaremos de xeito conxunto para trasladar ás Cortes todas as demandas da cidadanía galega», incidiu Sande.

O novo senador incidiu en quere xogar «un papel activo para vertebrar o verdadeiro cambio».

Entre outras cuestións, destacou a importancia da recuperación da memoria, como o caso do Pazo de Meirás, e avanzou que pode producirse unha situación similar coa Casa Cornide da Coruña.

Na presentación, o senador estivo acompañado dos deputados Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, que mostraron a unidade de acción para tratar de sacar adiante as iniciativas e demandas da sociedade galega.

Neste senso, incidiron na importancia de que se constitúa o novo Goberno e que o PSOE deixe de frustrar as negociacións e o diálogo.

«O 28A abriuse unha fenda de esperanza e o PSOE está frustrando esta posibilidade. Está impedindo que mellore a vida da xente. A cidadanía está farta de ver que non somos capaces de sentarnos a negociar. Pedimos ao Goberno en funcións que rectifiquen», incidiu Yolanda Díaz, voceira de Galicia en Común.