- Gómez Reino: “Ata o de agora, a relación que vimos co mundo da enerxía eran portas xiratorias por parte dos partidos que gobernaron previamente ao Goberno de coalición.”
Martes, 22 de xuño de 2021. O deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino, remarcou este martes en rolda de prensa no Congreso o papel fundamental de Unidas Podemos para a baixada do IVE da luz ao 10% que o Goberno aprobará este xoves.
“Escoitáronnos dicir que a subida do prezo da luz era unha cuestión intolerable. Sen Unidas Podemos no Goberno sería moi difícil ver medidas como esta. Fomos nós quen o solicitamos publicamente fai uns días. Ata o de agora, a relación co mundo da enerxía que vimos foron portas xiratorias por parte dos partidos que gobernaron previamente ao Goberno de coalición”, sinalou o deputado.
A baixada do IVE da factura da luz do 21% ao 10% supón un gran paso no camiño para garantir máis beneficios para os cidadáns e menos para as eléctricas. “Esta baixada do IVE é unha medida de emerxencia social, mais queda moito pendente, como enfrontarse ao oligopolio e recuperar a posibilidade dunha empresa pública de enerxía”, trasladou Gómez Reino.
Esta baixada do IVE é unha moi boa noticia, unha medida inmediata e directa que está destinada ás persoas en situación de maior vulnerabilidade e que busca garantir unha factura da luz asumible sen abusos para millóns de familias e pequenos negocios. Unidas Podemos seguirá traballando en transformacións que permitan rematar coas portas xiratorias e afrontar o oligopolio eléctrico, creando unha empresa pública de enerxía como ocorre noutros países da Unión Europea.
“Envexamos que o Estado italiano teña unha empresa pública de enerxía e sexa o Estado o que participe de Endesa. Lembremos que foi Aznar quen a privatizou e a vendeu, de non ser así, agora teríamos unha empresa pública de enerxía”, sinalou o deputado.