Unidas Podemos apremia no Congreso á construción do dique seco na Ría de Ferrol

Gómez Reino: “Debemos impulsar o sector naval público en Galicia e iso pasa por consolidar o centro de Ferrol como un estaleiro forte que poida competir no mercado internacional”

Mércores, 30 de xuño. O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, rexistrou este mércores no Congreso unha iniciativa parlamentaria para coñecer as inversións previstas nos estaleiros de Navantía na Ría de Ferrol por parte do Ministerio de Facenda e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). 

Os Orzamentos Xerais do Estado incluén unha dotación de 35 millóns de euros para 2021 a cargo da SEPI, destinada ao Taller de Fabricación de Subbloques de Ferrol, cunha previsión de 54,7 millóns máis para o 2022. As inversións totais previstas para 2021 por parte da SEPI ascenden a 55,2 millóns de euros, cunha previsión de 62,9 millóns para 2022.

Pola súa parte e a pesar destes compromisos, os traballadores e representantes do Comité de Empresa de Ferrol amosaron a súa incertidume sobre as actuacións concretas a desenvolver e nos tempos de execución previstos, fundamentalmente no referente á construción do dique seco cuberto no centro de Ferrol, considerado peza fundamental para unha transformación comprometida no estaleiro, e tamén sobre as inversións en Carenas e Turbinas.

Gómez Reino preguntou ao Goberno sobre as inversións e calendarios previstos na área de reparacións e na fábrica de turbinas, así como no relacionado coa modernización e dixitalización dos estaleiros que se prevé executar proximamente. 

O deputado sinalou que é “fundamental” apostar pola transformación integral para un futuro competitivo dos estaleiros de Ferrol. Así, apuntou que “debemos impulsar o sector naval público en Galicia e iso pasa por consolidar o centro de Ferrol como un estaleiro forte que poida competir no mercado internacional.”

Podes ver aquí a nosa pregunta.