Unidas Podemos critica a participación do CSIC nun proxecto europeo que pretende ocultar a mobilización social contra o impacto da minería

Mércores, 29 de setembro. O Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha pregunta no Congreso asinada polos deputados Juan López de Uralde e Antón Gómez Reino relativa á participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no proxecto europeo “Vector”.

Unha das liñas de traballo de “ Vector” baséase en desenvolver ferramentas a través de intelixencia artificial, materiais “educativos” para escolas ou simuladores virtuais para obter aceptación social de novos proxectos mineiros. Este proxecto é a continuación dun anterior no que xa participaba a empresa encargada dos proxectos mineiros de Touro en Galicia e Riotinto en Huelva, Atalaia Mining.

O programa actual asenta un dos tres lugares de proba en Galicia, onde levará a cabo un estudo de opinión acerca das percepcións públicas da minería para reverter a falta de apoio social a esta industria a partir da mobilización do profesorado e estudantado e para buscar a correlación cos intereses das entidades mineiras sobre a extracción de metais.

Gómez Reino denunciou que este proxecto “invalida a oposición cidadá a proxectos mineiros destrutivos para o territorio galego e a mobilización social que conseguiu parar os pés ás empresas mineiras e á Xunta de Galicia”. Destacan entre estes casos os proxectos de Corcoesto, Touro, Varilongo, “Alberta I”, San Finx ou Cova Eirós.

A formación sostén que o proxecto parte de que esta oposición social débese a unha “ignorancia da poboación” obviando as evidencias delituosas, danos ambientais e patrimoniais de varios proxectos mineiros. Responde entón a unha “preocupante instrumentalización” do CSIC e “en contra da cidadanía activa que tan importante resulta como contrapoder ante os excesos destas últimas e os casos de omisións sistemáticas e corrupción que se deron en determinadas Administracións”.

Os deputados instan ao Ministerio de Transición Ecolóxica a retirar ao CSIC da participación do proxecto «Vector» do programa Horizonte Europa e a establecer medidas para que organismos públicos non volvan participar en proxectos destas características.