Unidas Podemos defenderá no Congreso unha lei para eliminar o voto rogado

  • Gómez Reino: “É de xustiza que os máis de 460.000 galegos e galegas na diáspora poidan exercer de maneira máis digna o seu dereito ao voto”

Madrid, 4 de febreiro de 2021.– O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos defenderá neste periodo de sesións do Congreso unha lei para eliminar o voto rogado, incorporado na reforma da lei electoral no ano 2011, e que dificulta a participación das persoas emigradas nos procesos electorais.

Os datos falan por si sos da importancia que ten mudar a lei, xa que o envío do voto dende o exterior conta con moitas complicacións, o que fixo descender de maneira moi importante a participación. Das máis de 460.000 galegas e galegos que tiñan dereito a voto no estranxeiro nos últimos comicios en Galicia, tan só 5.000 fixeron uso del. “É de xustiza”, sinalou o deputado galego Antón Gómez Reino, “que os galegos e galegas na diáspora poidan exercer de maneira máis digna o seu dereito ao voto”.

Na proposta que será presentada por Unidas Podemos introdúcese de novo o sistema de voto sen solicitude previa, de tal xeito que será a Oficina do Censo Electoral a que remita de oficio a todos os inscritos no CERA a documentación precisa para votar. Ademáis tamén se poderán descargar as papeletas de forma telemática, ampliándose o prazo de escrutinio ata o quinto día despois das eleccións.

“Esta reforma quere eliminar as trabas que moitas persoas que residen no estranxeiro se atopan á hora de querer votar no seu país. Trátase dunha demanda que as asociacións que agrupan aos nosos emigrantes levan reivindicando durante anos e anos e que, se consigue o apoio maioritario da Cámara, verán feita realidade”, indicou Gómez Reino.

En Galicia o voto exterior supón algo máis do 17% dos chamados a voto e engloba a máis votantes que as provincias de Lugo e Ourense o que os convertiría na terceira “circunscripción” de Galicia.