Unidas Podemos denuncia no Congreso afeccións sobre o patrimonio histórico da actuación Trazas de Pontevedra

A formación fai referencia a un posible caso de espoliación e á vulneración de varias normativas europeas, estatais e galegas

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, rexistrou dúas preguntas parlamentarias a iniciativa das deputadas Antón Gómez Reino e Sofía Castañón relativas ás obras de restauración e musealización dos xacementos galaico-romanos de Pontevedra, Trazas de Pontevedra. 

O proxecto ten como obxectivo a posta en valor de 18 asentamentos castrenses distribuídos en 17 concellos da provincia de Pontevedra. O Consello da Cultura Galega e o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), dependente da Unesco, emitiron dous informes desfavorables acerca das actuacións desenvolvidas ata a data, á vez que colectivos culturais e de defensa do territorio denunciaron este caso e que Unidas Podemos xa materializou con outra pregunta o 30 de novembro de 2020. 

O informe do Consello da Cultura galega ditamina que “As accións de presentación e interpretación desenvólvense sen contar con estudos pormenorizados que teñan a amplitude, profundidade e rigor necesarios. No seu desenvolvemento primouse o goce sobre a protección, dando prioridade como criterio á comodidade do visitante e ao deseño efectista antes que á retransmisión dos valores culturais dos castros obxecto do roteiro (…) Tratando os castros coma se fosen iguais e tractores turísticos máis que como equipamentos culturais (…) Non se outorgou preferencia á protección e conservación”. 

O documento do Icomos esgrime que o programa de musealización non se axusta aos “procedementos garantistas de autorización previa que deben validar a súa adecuación e proporcionalidade aos fins previstos (…). As solucións ás inconcrecións detectadas no proxecto derívanse á execución das obras, o que supón un indubidable risco para os bens e unha falta de previsión que debe ser esixible a toda actuación sobre bens culturais”. 

A formación alega na súa proposta parlamentaria que as actuacións desenvolvidas poderían chegar a vulnerar normativas como a Carta Internacional para a Xestión do Patrimonio Arqueolóxico, a Convención Europea para a protección do Patrimonio Arqueolóxico, a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia ou a Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español. 

Unidas Podemos instou ao Ministerio de Transportes e ao Ministerio de Cultura a “tomar medidas e a ter en conta as recomendacións destes informes para protexer os asentamentos castrenses galaico-romanos, adecuándose á normativa vixente e priorizando a conservación e protección dos mesmos antes que o interese turístico para evitar a perda ou destrución de valores e bens do patrimonio histórico galego”.