Unidas Podemos denuncia no Congreso as verteduras contaminantes de Jealsa á Ría de Arousa

A formación pide ao Ministerio medidas ante o abandono de funcións por parte da Xunta de Galicia

Unidas Podemos rexistrou unha pregunta no Congreso dos Deputados sobre as verteduras producidas o 29 de xaneiro en Rianxo por parte da empresa Jealsa Rianxeira, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e marisco.

O documento foi asinado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de  Uralde, por mor da denuncia da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa que indica a morte de varias toneladas de marisco. Este non é un feito illado, debido a que nos últimos 7 meses, puidéronse producir polo menos 27 episodios. 

Neste sentido, Gómez Reino criticou a actitude do PP da Xunta de Galicia ao facer oídos xordos sobre estas verteduras contaminantes que conlevan un grave impacto ambiental, xa que o Goberno galego arquivou ata en catro ocasións os expedientes iniciados contra Jealsa. “Feijóo permite constantemente que os seus amigos contaminen Galicia, en lugar de protexer a riqueza das nosas augas”, agrega o deputado. Por esta conivencia, a Fiscalía de Medio Ambiente realizou unha inspección e identificou unha “vertedura non autorizada” ao mar por baldeo. 

Pola súa banda, o coordinador de Alianza Verde e tamén deputado de Unidas Podemos no Congreso, Juantxo López de Uralde sinalou que “é necesario tomarse en serio a protección do medio ambiente e o territorio en todos os niveis, e non se pode permitir que as empresas contaminen sen que iso teña consecuencias, porque a deterioración ambiental ten un elevado custo en termos ecolóxicos, sociais e económicos”. E pediu que a Xunta sexa valente á hora de esixir responsabilidades para que casos así non se volvan a repetir. 

A investigación concluíu cunha denuncia ao Xulgado de Instrución de Ribeira, onde a fiscal indicou que “a actuación, por efecto acumulativo, podería presentar a entidade suficiente para determinar unha alteración substancial da calidade das augas; tendo ademais a conduta que describen os denunciantes un compoñente subxectivo  doloso á vista da reiteración das verteduras e constando a existencia dunha sanción previa así como a incoación de múltiples expedientes sancionadores”. 

Unidas Podemos pediu ao Ministerio os datos sobre as verteduras contaminantes por parte de Jealsa así como os impactos económicos producidos polos mesmos. “Debemos garantir a protección ambiental da Ría de Arousa e as actividades do sector pesqueiro e marisqueiro, do que dependen tantas familias en Galicia, e sobre todo, que poden impactar directamente na saúde das persoas”, sostén Gómez Reino.