Unidas Podemos denuncia no Congreso o risco de depositar lamas contaminadas nas inmediacións de Sálvora e pide compensacións económicas para o sector do mar

  • O Ministerio para a Transición Ecolóxica prohibiu en abril o vertido de áridos no Punto de Sálvora, onde o actual proxecto de dragado ten previsto verter os sedimentos 
  • Gómez Reino: “A Autoridade Portuaria debe respectar a resolución do Ministerio e actualizar este plan de dragado, que podería traer consecuencias graves para a Ría de Arousa e para as familias que viven do mar”

Xoves, 1 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de presentar unha iniciativa no Congreso para instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a non admitir a trámite o proxecto de dragado do porto de Vilagarcía de Arousa por incumprir unha resolución ministerial, así como polo impacto ambiental que suporía para unha zona de pesca e marisqueo con diversas figuras de protección declaradas. 

O obxectivo do proxecto é extraer cerca de 85.000 metros cúbicos de sedimentos do canal de entrada e zonas da dársena ata acadar a cota -10 para vertelos na bocana da Ría de Arousa, moi próxima á illa de Sálvora, exactamente no Punto de Vertido de Sálvora. En abril o Ministerio prohibiu o vertido de áridos nesta zona, debido aos constantes avisos das organizacións veciñais e medioambientais. 

A redacción do plan “Dragado do canal de entrada e dársenas polo porto de Vilagarcía de Arousa” realizouse en novembro de 2020, de maneira que está desactualizado e incumpriría o último ditame do Goberno. De feito, o propio estudo previo apuntaba que existen indicios de contaminación por Níquel, Cadmio e TBT, que poden desplazarse polas correntes do mar ou aflorar.

Debido á carga contaminante destes elementos, Unidas Podemos insistiu na necesidade de revisar o proxecto e buscar outro punto de vertido e tratamento dos residuos en terra, xa que esta zona se adica na súa maior parte á actividade pesqueira (pesca, acuicultura e marisqueo) e conta cunha alta presencia turística.

“A Autoridade Portuaria debe respectar a resolución do Ministerio e actualizar este plan de dragado, que podería ter consecuencias graves para a Ría de Arousa e para as familias que viven do mar”, declarou o deputado Antón Gómez Reino. Así mesmo, sinalou que a formación leva anos denunciando  o risco de continuar acumulando sedimentos nesta zona e se parabeniza da resolución do Ministerio de clausurar o punto tal e como pediron en numerosas ocasións tanto Gómez Reino como Yolanda Díaz. 

“Temos que garantir puntos de vertidos que non afecten a espazos naturais protexidos, e neste caso, non é así. Na Ría de Arousa existe unha gran cantidade de especies sensibles e non podemos permitir un proxecto de dragado que pode supoñer unha grave episodio de contaminación”, apuntou Gómez Reino.