Unidas Podemos denuncia o grave impacto na saúde do incumprimento da distancia mínima entre aeroxeneradores e os núcleos de poboación

  • Gómez Reino: “É urxente unha actualización da normativa ante a ofensiva eólica que estamos a vivir. De nada vale apostar por enerxías renovables se teñen efectos negativos no rural e nas comunidades”

Luns, 12 de xullo. O grupo parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común rexistrou no Congreso unha iniciativa parlamentaria relativa ao establecemento dunha distancia mínima común entre os parques eólicos e os núcleos de poboación para garantir o cumprimento do principio de precaución e minimizar o impacto sobre a vida das persoas. 

Vivir préto dun parque eólico impacta directamente sobre a saúde das persoas polo zumbido e polo denominado “efecto parpadeo” dos aeroxeneradores, como veñen denunciando colectivos e asociacións. A distancia a núcleos urbanos que delimita a zona de sensibilidade ambiental máxima no modelo para a instalación de parques eólicos elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica é de 1.000 metros, o que se estipula no seguemento do principio de preocupación.

Con todo, cada comunidade autónoma ten a súa propia normativa e non sempre se respecta este principio de precaución. Por exemplo, en Canarias a distancia non pode ser inferior a 250 metros para aeroxeneradores de potencia inferior a 900 kW e de 400 metros se son de potencia superior. En Galicia a distancia a núcleo rural e urbano dos eólicos non pode estar por debaixo dos 500 metros e o País Vasco especifica que a máis de 400 metros non se escoita o zumbido dos aeroxeneradores.

Unidas Podemos insiste en que a normativa estatal está desactualizada en canto ao tamaño e potencia dos aeroxeneradores se refire, xa que foron aumentado nos últimos vinte anos sen que se tivese en conta na normativa de aplicación. Na actualidade, poden roldar ou superar ata os 200 metros de altura, o que provoca que esta distancia asignada cos núcleos de poboación sexa insuficiente, en seguemento do principio de precaución ante riscos de roturas, desprendemento de pesas, caídas da torre, solta de cables tensores e incendios, así como para garantir a minimización do impacto sonoro que producen os aeroxeneradores en funcionamento sobre as poboacións locais.

O deputado Antón Gómez Reino, sinalou que é “urxente” actualizar o reglamento ante a “ofensiva eólica” que se está vendo nalgunhas partes do Estado, como en Galicia, con préto de 250 proxectos en trámite.

A formación insta ao Goberno a fixar unha distancia mínima estatal e proporcional á “orografía do terreo ou á forza do vento”. Gómez Reino, insistiu tamén na necesidade de abordar unha “transición enerxética igualitaria e xusta en todo o Estado, atendendo aos criterios de precaución e seguridade. De nada vale apostar por enerxías renovables se teñen efectos negativos no rural e nas comunidades”.