Unidas Podemos denuncia o silencio cómplice da Xunta ante a fragmentación irregular do parque eólico de Meirama

A formación alude a que un único proxecto foi fragmentado en dous de maneira “artificial” para evitar o control ambiental do Goberno

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común presentou unha iniciativa parlamentaria sobre a fragmentación do proxecto do parque eólico de Meirama por parte da empresa Naturgy Renovables, a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino.

A formación alude a que un único proxecto foi  fragmentado en dous de maneira “artificial” para evitar o control ambiental por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica ao superar os 50 MW, xa que o Parque Eólico Meirama ten unha potencia para instalar de 49,5 MW e o Parque Eólico As Encrobas de 20 MW. “A fragmentación de proxectos eólicos de maneira irregular estase a converter nunha práctica habitual en Galicia ante o silencio cómplice da Xunta”, contou Gómez Reino. 

Con esta estratexia Naturgy pretende evitar as inspeccións do Goberno e facilitar a tramitación por parte da Xunta de Galicia ao ser a encargada de controlar este tipo de instalacións dunha maneira máis laxa e accesible para as eléctricas. “A boa sintonía do Goberno de Feijóo cos parques eólicos permite ás eléctricas asentarse con máis facilidade no noso país”, criticou Gómez Reino. “Todo na política de Feijóo vai encamiñado a favorecer o saqueo do territorio galego, coa aprobación de leis que simplifican os trámites e aceleran os prazos para impedir a mobilización da veciñanza”.

O documento denuncia tamén “o impacto negativo nos ámbitos ambiental, paisaxístico e social que terían estas instalacións, nun territorio que xa sufriu durante décadas as agresións ao medio pola actividade da central térmica agora clausurada e as explotacións mineiras”. A formación alega que “os proxectos presentados non se adecúan á Lei de Expropiación forzosa e á Carta de Dereitos fundamentais da Unión Europea no relativo á valoración e indemnización dos terreos afectados dentro da poligonal de ambos os parques.”

De feito, este proxecto desencadeu unha multitude de alegacións por parte da veciñanza e das plataformas. A formación propón para Meirama un “proxecto que xere postos de traballo de maneira respectuosa e sostible” en lugar de continuar facendo dano á paisaxe e ao medioambiente.