Unidas Podemos denuncia que Iberdrola se salte todos os consensos galegos e instará ás institucións a protexer os caladoiros en perigo

  • Gómez Reino: “Parécenos grave pretender avanzar neste proxecto, que atenta directamente contra a economía galega, ao marxe do sector, do Observatorio da Eólica Mariña e dos acordos das administracións galegas” 
  • A formación preguntará ao Ministerio de Transición Ecolóxica sobre os proxectos dos parques mariños de A Mariña e Ortegal

Xoves, 24 de xuño. Unidas Podemos mostrou este xoves a súa preocupación polos proxectos da empresa Iberdrola para a construción dos parques eólicos mariños San Brandán e San Cibrao, que se instalarán nas costas galegas cunha importante repercusión para zonas de gran actividade pesqueira. 

Neste sentido, o deputado Antón Gómez Reino criticou a decisión unilateral da compañía, ao non ter en consideración aos representantes da actividade pesqueira. “A ofensiva eólica atenta directamente contra os ecosistemas mariños e contra a economía de Galicia. Seguiremos exixindo unha paralización inmediata e responsabilidade ás institucións para protexer un sector tan importante para o noso país, do que dependen miles de familias”.

O proxecto de San Cibrao asentaría os muíños no medio do Campo de San Ciprán, atravesando varios caladoiros onde opera a flota galega, e do mesmo xeito, o de San Brandán afectaría outros puntos clave para a actividade pesqueira. En total, 40 millas cadradas que equivalen a 800 campos de fútbol, segundo datos das asociacións. 

Estes proxectos van en contra das decisións do Parlamento galego, que aprobou recentemente unha PNL para avaliar previamente o asentamento dos parques mariños e evitar posibles danos ao sector pesqueiro e aos ecosistemas. Descoñécese neste caso, a afectación real que causarían ambos proxectos aos caladoiros, pola ausencia de estudos sobre a repercusión deste tipo de asentamentos no ecosistema e nas actividades pesqueiras, precisamente para iso se creou o Observatorio da Eólica Mariña, entidade participada pola Xunta e que Iberdrola obviou.  

Unidas Podemos preguntará ao Ministerio de Transición Ecolóxica sobre estes proxectos na costa galega. “Estamos ao carón das asociacións, das confrarías e das familias que dependen do mar. Apostamos por unha transición ecolóxica xusta para todas, e non nos quedaremos de brazos cruzados mentres grandes empresas pretendan beneficiarse a costa da destrución das economías locais galegas”.