Unidas Podemos e PSOE rexistran unha iniciativa para retirar as medallas a “Billy el Niño” e a outros funcionarios franquistas

O acordo de Goberno Progresista incluía o compromiso de estudar todas as vías legais para retirar as condecoracións e prestacións concedidas a persoas que protagonizaron actos criminais non xulgados durante o franquismo

Madrid, 18 de maio de 2020.- O Grupo Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común e o PSOE rexistraron este luns unha Proposición non de Lei para revogar as condecoracións outorgadas a “Billy el Niño” e outros funcionarios e autoridades da ditadura franquista que realizasen actos incompatibles cos valores democráticos e os dereitos humanos.

Na exposición de motivos da proposición non de lei, o prupo parlamentario Confederal e o grupo parlamentario Socialista sosteñen que “transcorridos máis de 40 anos desde o fin da ditadura franquista, España aínda ten unha débeda pendente coas vítimas que sufriron a represión por parte de funcionarios e axentes de policía do Estado”, e lembran que “foron moitos os axentes do aparello de represión do Réxime que foron condecorados polos seus servizos a pesar de que o seu desempeño estivo marcado por constantes vulneracións dos dereitos humanos sobre a poboación civil”.

Estas “condecoracións e beneficios económicos” mantivéronse “a pesar da chegada da democracia e o ingreso de España no sistema de proteción de violacións dos dereitos humanos”. Por iso, UP e PSOE defenden que chegou o momento de pór fin “de forma inmediata” a esta “inxusta e indigna situación”.

A retirada de condecoracións “é un paso máis cara á consecución da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición en relación coas vítimas de graves violacións de dereitos humanos, loitadoras contra a ditadura e pola recuperación da democracia, perseguidas polas súas ideas políticas contrarias ao réxime”.

A PNL refire que o coñecido como “Billy el Niño”, cuxo nomee real era Antonio González Pacheco, era un expolicía acusado de torturas da denominada Brigada Político Social que faleceu o pasado 7 de maio, “sen que se lle retiraron as medallas e condecoracións que percibía polo seu labor policial”. González Pacheco era coñecido “por exercer unha brutal violencia nas propias dependencias da Dirección Xeral de Seguridade situada na Porta do Sol de Madrid”.

Pero a de “Billy el Niño” non é a única medalla sufragada. Segundo os últimos datos oficiais, aínda se están pagando “o importe de 115 medallas policiais concedidas antes de 1979 a axentes de policía da ditadura franquista”. Desta maneira, a proposición non de lei remarca que “o Acordo de Goberno Progresista subscrito polas formacións políticas que sustentan ao Goberno inclúe o compromiso de estudar todas as vías legais para retirar as condecoracións e prestacións asociadas, concedidas a persoas que protagonizaron actos criminais non xulgados durante o franquismo, ao que se referiu así mesmo o presidente do Goberno na sesión de investidura”.

Puntos da PNL

Por todo iso, a PNL propón que o Congreso inste o Goberno a revogar de forma efectiva as condecoracións e recompensas concedidas polo Estado a funcionarios e autoridades da ditadura franquista que realizasen actos ou observado condutas manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os Dereitos Humanos, mesmo a título póstumo, e en particular as condecoracións de “Billy el Niño”.

Así mesmo, exponse que se consideren “contrarios á memoria democrática do Estado os recoñecementos ou condecoracións polo desempeño do seu cargo ou funcionarios e autoridades da ditadura franquista que, antes ou despois da concesión, formasen parte do aparello de represión da ditadura franquista”.

E, por último, proponse adoptar as iniciativas normativas precisas “para revisar e invalidar todas as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de realzar a persoas e entidades que supoñan exaltación ou enaltecemento do golpe militar de 1936, a Guerra Civil e do franquismo, así como a elaboración dun catálogo de títulos nobiliarios concedidos entre 1948 e 1978, que representen a exaltación da Guerra Civil e ditadura, para a súa supresión.

O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino asegurou que “hoxe damos un paso adiante para que se faga xustiza con tantas e tantas persoas que sufriron a un torturador como “Billy el Niño” e tantos outros aos que o Estado sigue condecorando”.