Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común asina unha iniciativa para regular o precio dos alugueiros

«Existe unha enorme escaseza de vivenda social. No caso particular de Galicia, pasamos de 2.261 vivendas de protección en 2010 a tan só 4 en 2019»

Madrid, 23 de outubro de 2020.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos- En Comú Podem-Galicia en Común vén de asinar un documento xunto con BNG, ERC, Bildu, Compromís, Más País e a CUP, para seguir blindando e estender a regulación dos alugueiros no conxunto do Estado.

«No último lustro», comeza a iniciativa», «os alugueiros aumentaron 30 veces máis que os soldos en España. Dende 2013, o precio medio do alugamento subiu máis dun 50% no Estado», unha cifra que alcanza o 30% se atendemos aos datos de Galicia, o que supón que un galego ou galega teña que abonar arrredor de 130 euros máis ao mes pola súa vivenda.

Segundo indica o documento asinado, «a realidade é que o acceso á vivenda da poboación depende da relación entre os ingresos das familias e os prezos do mercado, dado que existe unha enorme escaseza de oferta social». No caso particular de Galicia, mentres que no ano 2010 se construíron un total de 2.261 vivendas protexidas, no ano 2017 a cifra caeu a 12, a 8 no 2018 e a unha cifra de 4 o ano pasado. Vistos os datos é imprescindible «conter os prezos do alugueiro para reducir o sobreesforzo da poboación para acceder e manterse na vivenda».

A regulación dos prezos, tal e como di o manifesto, «é unha medida temporal, pero clave para frear as subas abusivas e garantir alugueiros asequibles: un paso inedulible para garantir o dereito á vivenda digna de millóns de persoas no conxunto do Estado».

A regulación do alugueiro é un dos acordos que o noso grupo parlamentario incorporou no acordo de coalición, co obxectivo de «poñer teito ás subas abusivas dos precios do alugueiro en determinadas zonas do mercado tensionado». Trátase dunha medida xa moi necesaria e demandada antes da pandemia de Covid-19, mais a situación actual faina se cadra máis imprescindible. Non é só un problema que afecta ás persoas que queren acceder a unha vivenda, senón que tamén inflúe ao resto de sectores da economía posto que se as familias adican case a metade dos seus ingresos en pagar o seu alugueiro, gozarán de menos recursos para outras cuestións.

Cando xa nos atopamos na segunda ola da pandemia é máis urxente que nunca blindar a lei aprobada o pasado mes de setembro no Parlament de Catalunya e habilitar ao resto de Comunidades Autónomas do Estado para regular o precio do alugueiro.