Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común pide á comunidade internacional o alto ao fogo entre Armenia e Acerbaixán

O Grupo Confederal remitiu un escrito aos países en conflito no que pide á Unión Europea que se implique na resolución e que se eviten as inxerencias externas de Rusia ou Turquía

Madrid, 14 de outubro de 2020.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Comú remitiu un escrito aos países garantes do armisticio dos enfrontamentos na rexión de Nagorno Karabaj entre Armenia e Acerbaixán no que insta á Unión Europea a implicarse activamente na paz definitiva.

O grupo confederal entende que o Grupo de Minsk, conformado polos países garantes do armisticio (Estados Unidos, Francia, Rusia, Bielorrusia, Alemaña, Italia, Suecia, Finlandia e Turquía) son fundamentais para chegar a unha solución. Está en xogo «asegurar a vida e os dereitos humanos da poboación de Nagorno Karabaj e do resto dos habitantes da rexión». A negociación, considera o grupo confederal, debe incluír á sociedade civil e evitar a «inxerencia» das «potencias externas ao conflito».

O cesamento do fogo asinado o 10 de outubro polos ministros de Asuntos Exteriores involucrados na contenda é o primeiro paso, pero non o último. Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Comú pide que se garanta na súa totalidade para, entre outros obxectivos, «impedir o reinicio das hostilidades armadas», «asegurar o intercambio de prisioneiros» e poder repatriar «os corpos das vítimas baixo o auspicio do Comité Internacional da Cruz Vermella».

España, a UE e o Grupo de Minsk deberían ser claves para «promover e asegurar a paz, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, o desenvolvemento sustentable e a xustiza social na rexión e en toda a veciñanza europea».

Os enfrontamentos do Alto Karabaj son os máis graves que se lembran desde 1994. As consecuencias da guerra entre Acerbaixán e Armenia son tráxicas para a poboación civil, que o paga en mortos, feridos, vidas esnaquizadas, casas destruídas ou desprazamentos forzosos. A isto súmaselle a posibilidade de arrastrar a outros países inmersos en complexas manobras xeopolíticas. Turquía apoia ao bando azerí e Rusia é o principal exportador de armas da rexión.