Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común propón incorporar un rexistro de contratos na Lei de Cadea Alimentaria para garantir prezos xustos para o campo

  • O portavoz do grupo na Comisión de Agricultura, Antón Gómez Reino, mantivo xunto con outros deputados e deputadas da formación, un encontro coas organizacións agrarias Asaja, UPA, Coag e La Unión para abordar o proxecto de modificación da Lei de Cadea Alimentaria

Madrid, 13 de novembro de 2020.- Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común reuniuse este venres con organizacións agrarias para recoller propostas que melloren o Proxecto de Lei de modificación da Cadea Alimentaria, aprobado o pasado 3 de novembro no Consello de Ministros. Na xuntanza participou o deputado e portavoz da Comisión de Agricultura, Antón Gómez Reino.

Desta maneira, Unidas Podemos busca dar resposta ás reivindicacións de agricultores e gandeiros que hai escasos meses protagonizaron unha mobilización sen precedentes, exixindo prezos dignos para o campo e denunciando os abusos da cadea alimentaria.

Na xuntanza, ademais de Gómez Reino, tamén participaron o portavoz de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique; a deputada Isabel Franco e a responsable de Sector Primario e Soberanía Alimentaria da Comisión Executiva de Podemos e coordinadora xeral de Podemos Extremadura, Irene de Miguel. O encontro produciuse coas organizacións agrarias Asaja, UPA, Coag e La Unión e nel abordáronse medidas que garantirían “unha cadea alimentaria máis justa e equilibrada”.

O Grupo Parlamentario está a traballar para que o Proxecto de Lei contemple a creación dun rexistro dos contratos “que sirva como mecanismo de control” e permita “garantir definitivamente un prezo mínimo para os produtos agrarios, evitando a venda a perdas, ou o que é o mesmo, a venda dos produtos agrarios por debaixo do custo de producción”.

Ademais tamén pretende que na lei se inclúa explicitamente ás medianas e grandes empresas de hostalería e restauración porque “actúan como verdadeiros axentes con moito poder dentro da cadea alimentaria”.