A carta está asinada por Galicia en Común e Alianza Verde. Piden á compañía australiana que posúe as minas que cesen as verteduras ilegais de augas
Galicia en Común e Alianza Verde enviaron unha carta aos accionistas do grupo australiano Rafaella Resources, que posúe as minas de San Finx e Santa Comba, para advertirlles das malas prácticas que se están levando a cabo en ambas minas e que xa derivaron en dúas denuncias contra 12 funcionarios e altos cargos da Xunta por parte do grupo confederal de Unidas Podemos.
Estes dous casos que incumben á mina de San Finx están relacionados con permisos ilegais e presuntos delitos ambientais. Antón Gómez Reino e Juantxo López de Uralde, os dous deputados de Unidas Podemos que asinan esta misiva, informaron tamén aos accionistas de que continuarán recorrendo á xustiza para levar as tramitacións ilícitas nas explotacións mineiras e a falta de pagamentos por verteduras que están a contaminar a paisaxe galega e que poden derivar en problemas de saúde pública.
Na carta aluden aos procesos penais abertos por corrupción e declaracións falsas nas minas de Santa Comba e San Finx debido a que non foron sometidas a unha avaliación de impacto ambiental en cumprimento do dereito nacional e internacional. No caso de que Rafaella Resources e os seus administradores continúen realizando vertidos de maneira ilegal, Unidas Podemos presentará cargos contra as filiais da entidade.
Asimesmo, os deputados mostraron a súa preocupación acerca da adquisición por parte de Rafaella Resources da totalidade das accións de Tungsten San Finx, e a incapacidade económica da compañía australiana de facer fronte aos investimentos necesarios para levar a cabo as restauracións que impoñen as autoridades para poder explotar a mina.
Gómez Reino e López de Uralde animan aos accionistas a poñerse en contacto coas organizacións e plataformas ecoloxistas que interpuxeron as denuncias por delitos ambientais e que traballan diariamente por defender a paisaxe galega ante as graves consecuencias ambientais das explotacións mineiras sinaladas.