Gómez Reino: “As obras do tramo Vigo-Porriño están en marcha despois de anos orzamentadas pero sen intención real de executar”
Vigo, 3 de xuño. En resposta a unha pregunta escrita rexistrada polo grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana indica que xa está en marcha a redacción do proxecto da Variante da A-52 do tramo Vigo-Porriño.
Asi o manifestaba o deputado galego, Antón Gómez Reino, que trasladou ao Congreso esta demanda histórica da veciñanza de Vigo e comarca que leva anos demandando unha solución a este problema no nó de comunicacións desta zona.
O vial de conexión chegou a contar con dotación orzamentaria nos PGE dos sucesivos Gobernos de PSOE e PP de ata 27 millóns de euros, pero ata agora non se chegaran a iniciar os traballos previos para a súa execución real. Algo que, segundo Gómez Reino, demostra a falta de intención de levalas a cabo por parte dos anteriores gobernos e continúa sinalando que “por fin, coa chegada do Goberno de Coalición, parece que hai a seriedade e o compromiso que faltaron todos estes anos”.
En resposta a esta pregunta parlamentar formulada por Gómez Reino, o Goberno de coalición vén de confirmar o inicio da redación do proxecto para a construción da variante da A-52.
“O proxecto da Variante da A-53 atópase en redacción, xunto co documento técnico necesario para sometelo a información pública a efectos ambientais”, reza o documento do Ministerio. Gómez Reino explica que realizará seguimento desta cuestión para que, unha vez redactado o proxecto, se lle asigne o orzamento necesario para a realización das obras o antes posible.