Gómez Reino: “A mutación dos virus nestes animais e a súa transmisión incrementa o risco de contaxio e supoñen unha alerta de saúde pública”
Madrid, 21 de abril de 2021. Unidas Podemos vén de rexistrar este mércores unha iniciativa parlamentar para instar ao Goberno a que suspenda temporalmente a cría de visón americano en protección da saúde pública durante a crise sanitaria da Covid.
Dacordo aos datos, no Estado rexistráronse xa catro brotes en granxas de visóns en menos dun ano, localizados en Puebla de Valverde (Teruel), Navatalgordo (Ávila), A Baña e Santiago de Compostela (A Coruña).
O deputado e voceiro de Galicia en Común no grupo confederal, Antón Gómez Reino, incidiu con especial preocupación na vulnerabilidade galega xa que no país se atopan 24 das 26 granxas activas no Estado con animais en produción.
Polo miúdo, a proposición non de Lei rexistrada hoxe por Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, sinala como exemplo as medidas tomadas polo Goberno de Dinamarca, que tras detectar máis de 200 contaxios tomou a decisión de sacrificar a 17 millóns de animais e de cesar a actividade mentres dure a pandemia, así como Irlanda, Suecia ou Italia.
“Trátase de afrontar unha situación de alto risco para a saúde pública e para as economías locais, dados os potenciais efectos negativos que os brotes nestas granxas poden ter sobre as poboacións circundantes”, manifestou Gómez Reino.
O documento, asinado polos portavoces Juan López de Uralde e Antón Gómez Reino, sinala que a “a actuación por parte das administracións públicas nos casos de contaxios nas granxas trae consigo a asunción de gastos relacionados coa realización de probas, o sacrificio dos animais, a desinfección das instalacións o as propias indemnizacións que reclaman as empresas peleteiras”.