- Gómez Reino: “Non se lle pode dar luz verde a un proxecto que recoñece que poderia provocar moitos riscos na zona, por non falar do forte impacto ambiental, paisaxístico e mesmo socioeconómico”
Madrid, 10 de febreiro de 2021.– O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de rexistrar no Congreso, a iniciativa dos deputados Antón Gómez Reino e Juantxo López de Uralde, unha pregunta para que o Ministerio de Transición Ecolóxica impida que se leve a cabo o proxecto “Parque Eólico Prada”, nas montañas de Pena Trevinca, solicitándolle tamén unha estimación do impacto ambiental e socioeconómico que tería darlle luz verde a esta iniciativa.
Trátase dun megaproxecto de 31 aeroxeradores cunha potencia total de 170,5 MW impulsado pola empresa Desarrollos Renovables Iberia Gamma S.L., pertencente á noruega Statkraft e que afectaría paisaxística e ambientalmente a varios concellos da provincia de Lugo e Ourense. “As instalacións limitarían coas Zonas Especiais de Conservación do Macizo Central e Pena Trevinca, atravesarían 8 zonas protexidas de auga potable e na zona de influencia atopamos a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Meseta Ibérica, o que nos da un apunte da riqueza medioambiental que se poría en risco con este megaproxecto eólico”, indicou Gómez Reino.
«De levarse a cabo», apuntou o deputado, «tería unha incidencia negativa sobre o incipiente desenvolvemento socioeconómico na zona que está baseado e sustentado na propia veciñanza xa que a afección sobre a paisaxe e a integridade deste entorno natural, único en Galicia e no Estado, sería moi negativa».
O deputado galego e portavoz da Comisión de Industria lembrou que “xa o propio proxecto de instalación confirma que existen moitos riscos potenciais, como o de incendio ou de movementos en masa. Ademais”, sinalou, “no entorno de actuación rexístrase a presenza de 37 especies de mamíferos, 16 de réptiles, 13 de anfibios, 5 de peixes continentais e 16 de invertebrados, algunhas delas cualificadas como vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas”.
A iniciativa presentada esta mañá recolle que as instalacións tamén afectarían a cinco elementos do Patrimonio Cultural, entre eles un elemento arqueolóxico como é o túmulo funerario de Mámoa do Alto da Moeda.