- O Grupo Parlamentario pregunta na Cámara Baixa pola orixe do verquido e o plan para a súa retirada por parte das administracións competentes
Madrid, 19 de xaneiro de 2021.- O Grupo Parlamentario de Unidas Podemos-En Comú Podem- Galicia en Común vén de rexistrar unha pregunta escrita relativa ás manchas negras coas que amencía a praia de Bastiagueiro, na localidade coruñesa de Oleiros, esta fin de semana.
O deputado pola Coruña e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, sinalou que “dende o noso grupo existe unha lóxica preocupación por estes residuos, tendo en conta que o noso país sufriu nas últimas décadas varios desastres ecolóxicos como consecuencia de verquidos de fuel”. Por iso o portavoz pide explicacións ás autoridades competentes en relación á orixe e natureza destas manchas negras, así como se existe algún plan para a súa retirada e limpeza da praia.
Pola súa banda, o deputado verde da formación e presidente da Comisión de Transición Ecolóxica, Juantxo López de Uralde, asegurou que “os verquidos de residuos dende buques seguen, desgraciadamente, a contaminar os nosos mares. É imprescindible que se persigan con firmeza para manter uns mares vivos”.